Desabastecemento

Luns a mediodía: o señor Rubalcaba asegura que non consentirán que os piquetes impidan o paso dos camións, e que non haberá desabastecemento. Ás oito da tarde din unha volta polo gran supermercado do meu barrio: vin colas enormes con carros a rebordar, e os estantes das froitas e verduras baleiros; mellor dito: había un melón esmagado e unha coliflor marela. Fun a outro máis pequeno, e alí o baleiro impresionaba: atopei só un cestiño de plástico con albaricoques, seis ou sete tiñan mazaduras pero collinos, porque me invadiu o síntoma do desabastecemento. Por último pasei pola tenda máis cara, a que está aberta cando todas as outras pecharon, e alí, no estante máis alto, crin ver algo verde; metín a man e saquei unha bolsa de espinacas, non en bo estado, pero aínda comestibles. Á miña beira, unha muller baixiña díxome mentres me ollaba con resentimento: «¿Quedan máis?». Metín a man de novo ata o fondo e saquei unha última bolsa, esta vez de acelgas, en peor estado que as espinacas. A muller arrebatoumas da man, dando por suposto que lle correspondían a ela.

Na cola da gasolineira, dous tipos discuten quen está primeiro. O da caixa explícame que moitas estacións están sen combustible e que a eles estáselles esgotando. Alguén comenta que a culpa é nosa, dos consumidores, que acaparamos. Eu penso que a culpa é da falta de credibilidade dos que gobernan. Os de agora e os de antes: todos menten cando lles convén. Así que mellor fora que o señor Rubalcaba estivese calado, porque, tan pronto falou, todos saímos correndo a aprovisionarnos, mesmo de espinacas murchas e de albaricoques mazados.

Deja un comentario