Archivo de la etiqueta: propiedade intelectual

Plaxios a gogó

O s blogs botan fume. Increpan a Inditex por reproducir en camisetas de marcas da empresa, sen permiso e sen remuneración, imaxes copiadas das fotos que as blogueiras poñen nas súas páxinas. Eu non acabo de entender nin o escándalo nin a protesta. O éxito das tendas Zara consiste en que ofrecen a baixo prezo deseños moi semellantes aos das grandes firmas, tanto en roupa como en calzado ou complementos. Visto o éxito, o procedemento está a xeneralizarse noutras empresas. E a todo o mundo lle parece moi ben, excepto ás firmas que son obxecto de inspiración, pero parece que legalmente non poden impedir o que cualifican de plaxio.

Por outra parte, a maioría dos blogueiros e os seus amigos, que tanto se queixan do espolio, defenden a ultranza a liberdade de descargar música, películas, e ata libros de Internet sen pagar un céntimo. O dereito á propiedade intelectual só parece existir para eles no que se refire aos contidos dos propios blogs e aos dos seus colegas. E todos nós volvemos das viaxes ou mercamos aquí por catro patacós produtos chinos plaxiados de marcas carísimas, contribuíndo a que China sexa a segunda potencia económica mundial.

¿De que nos escandalizamos? O baleiro legal propicia condutas deste tipo. A ética -¿que é iso, preguntarase máis dun?- brilla pola súa ausencia nesta sociedade.

Non pagar é roubar

Roubar é apropiarse do alleo sen consentimento, de calquera modo que se faga. Pero a maioría dos cidadáns do noso pais consideran que só é roubo se hai violencia. De aí o fracaso da lei Sinde.

Unha das cousas que a min me sorprenderon cando empecei a ver mundo foi que houbese postos de xornais na rúa sen vixiante e que a xente depositase o importe nun furado que había no aparello. E tamén que os meus compañeiros universitarios arramplasen con tarxetas postais, mapas e libros, en librerías e museos, sen pagar, roubándoos con gran habilidade e ledicia. Aínda hoxe me sorprende que os donos dunha tenda de roupa en Alemaña a deixen aberta cun letreiro de «Vou tomar un café. Volvo enseguida». Aquí á volta atoparían baleiras as perchas.

Algunhas axencias estranxeiras advirten aos seus clientes que somos un país de ladróns, e non só polo tirón aos bolsos. Aquí moitos cidadáns pensan que non pagar non é un roubo. Se poden coarse no autobús ou no metro, ou no tren, ou nun espectáculo, non pagan. E se lles devolven de máis nun cambio, non advirten do erro. E se atopan un obxecto esquecido nunha estación, nun cine, nun restaurante, nun taxi, apodéranse del e non o entregan para que o dono poida recuperalo.

Convencer a esta xente de que hai que pagar por descargar música, películas ou libros de Internet é tarefa imposible. Unha colega díxome que estaba contenta do fracaso da lei, porque, aínda que é autora, prefire poder descargar gratis todo o que lle dá a gana. «Saio ganando», dixo. Pois, postos a roubar, eu prefiro a Luís Candelas.