A serie televisiva El pacto , dirixida por Fernando Colomo, contou a historia de sete adolescentes que deciden quedar embarazadas para solidarizarse cunha compañeira que vai ser expulsada do centro onde estudan. Está baseada nun feito real ocorrido en Estados Unidos.
A Confederación de Pais e Nais de Alumnos (Cofapa) pediu a interrupción da serie por considerar que non respondía á realidade e que era unha caricatura dos pais e dos centros escolares. A triste realidade é que en España prodúcense 29.096 embarazos anuais de adolescentes; ou sexa, un cada 18 minutos. Estamos neste tema á cabeza de Europa.
Na película é certo que as adolescentes semellan irresponsables, os pais incapaces de resolver os problemas familiares, o director do colexio é un hipócrita e o profesor guapo, un Águila Roja moderno. A aparición final dun asesor sexual nas aulas parece querer dicir que a información será o camiño para resolver o problema dos embarazos adolescentes.
Coido que a información sexual é imprescindible, pero inútil se non se resolve outro problema previo. Os rapaces están afeitos a que todos os seus desexos se convertan en dereitos e que se realicen inmediatamente, xa se trate de elixir roupa, horarios de saídas, vacacións, amigos ou mozos. Ou senón rebótanse de forma irracional. É necesario cambiar todo o sistema de relacións entre educadores (pais e mestres) e educandos (fillos e alumnos). Só unha xusta proporción de deberes e dereitos pode converter aos adolescentes en persoas responsables. O demais son parches.