Se mo di un estranxeiro, replico que en todas partes cocen fabas, e que algo bo teremos cando veñen para aquí, pero inter nos temos que recoñecer que vivimos nun país no que roubar é algo que forma parte dos hábitos de demasiada xente.
Non falo das bandas organizadas de delincuentes romaneses para as que España é un paraíso. Nin dos carteiristas que lles levantan a carteira aos turistas. Falo de persoas que teñen un traballo, que exercen unha carreira, que teñen familia, amigos, en fin, xente normal que, en canto se lles presenta a ocasión, rouban.
A unha rapaza róubanlle o ordenador portátil na biblioteca da universidade; a un rapaz o casco da moto que abandonou por uns minutos á porta dunha farmacia; a min as gafas graduadas de sol nunha oficina da Seguridade Social. Pese ás medidas de seguridade, a xente rouba en supermercados e grandes almacéns cunha habilidade digna de mellor causa.
Unha amiga que ten unha boutique de moda dime que todas as tendas contan con esas perdas por roubo de xente normal , non atracadores. Di tamén que en Berlín boutiques como a súa teñen expostas na rúa prendas sen ningún tipo de suxeición. Ou están abertas cun cartel que di: «Estou no café da esquina». Aquí dás media volta e xa te roubaron.
Para esta lacra nacional coido que non hai máis remedio que o que sempre propoño: unha educación que dende a infancia inculque o respecto aos bens alleos. Educación que ten que ser impartida na escola, porque desgraciadamente as familias non parecen estar polo labor.