Archivo de la etiqueta: sindicatos

Contra Aena e o Goberno

Circula por Internet unha nota supostamente emitida pola Unión Sindical de Controladores Aéreos, firmada por José Teófilo Guerrero Pozo, na que se ataca de forma virulenta a Aena e ao Goberno, aos que considera responsables da situación actual. Eu vina por primeira vez en marzo deste ano, pero é posible que sexa anterior. Aparece recollida en diversos foros e en varios xornais dixitais. Agora esa nota estase difundindo a través de correos electrónicos de particulares con motivo do recente caos aéreo.

Nela informase de que Aena está en quebra, que ten un «furado negro» de case 13.000 millóns de euros (800.000 euros diarios de intereses), provocado por investimentos en infraestruturas, obras que foron adxudicadas sempre a tres empresas afíns ao PSOE.

Atribúen esta situación ao PSOE, xa que cando o PP perdeu as eleccións deixou en Aena as contas claras. Porén, Aena agora non pode pagar aos acredores, polo que a banca estranxeira pode exercer o dereito de embargo sobre os nosos aeroportos nacionais e facerse coa propiedade deles.

Os conflitos cos controladores serían só unha cortina de fume provocada por Aena para ocultar a gravidade da situación.

En dita nota fanse acusacións graves contra persoas e institucións concretas e dado que é moi extensa e nela aparecen xuntas mentiras e algunhas verdades, sería de agradecer que os implicados respondesen e aclarasen as ideas a miles de internautas que, de boa fe, se preguntan uns a outros se o que alí se di é certo.

Parar Madrid

Segundo unha enquisa, un 67,1% dos enquisados non pensa secundar a folga do 29-S: só un 18% di que a secundará e o resto non sabe (13,2 ) ou non contesta (1,7% ). A impresión da maioría da xente coa que unha pode falar é que a folga é inútil, custosa e prexudicial para todo o país; non vai conseguir que cambie o programa de axuste do Goberno e nin sequera se ve como desexable que isto suceda, dada a precariedade da nosa situación económica interna e en relación coa Unión Europea.

Hai que destacar a indignación da xente das pemes, que consideran que a linguaxe dos sindicatos soa a século XIX, cando a palabra empresario equivalía a capital e podía contrapoñerse a traballo. Eles séntense traballadores, pero non identificados coa postura actual dos sindicatos no tema da folga.

Tamén é curiosa a postura do Metro de Madrid, que tras conseguir unha substancial mellora na redución de salarios, agora deixa liberdade de actuación a boa parte dos seus afiliados (os do Sindicato de Condutores e os de Solidariedade Obreira).

E cando todo parece anunciar un fracaso, os sindicatos aseguran que van «parar Madrid polas boas ou polas malas». ¿E por qué Madrid e non Bilbao ou Barcelona ou Sevilla? Algúns comentaristas afirman que a folga estase a converter nun ataque non ao Goberno, senón ao Partido Popular.

A min o de «parar Madrid» recórdame o famoso e tráxico «Non pasarán», pero aquilo era unha postura heroica e idealista e isto soa, se mire por onde se mire, a farsa e componenda política.

Liberados sindicais

Os intereses políticos mediatizan de tal modo a información que resulta moi difícil facerse unha idea sobre algúns asuntos importantes. Un destes refírese á figura e función dos liberados sindicais, que saltou á palestra pola decisión de Esperanza Aguirre de «axustar o seu número ao que lles corresponde por lei».

O liberado sindical, segundo a lei , é un traballador que, acumulando as horas que lle ceden os representantes sindicais da empresa, queda libre do traballo que realiza nela para pasar a traballar no sindicato a tempo completo como representante dos seus compañeiros.

Nestas páxinas Fernando Ónega falou do «escuro mundo dos liberados» e da súa experiencia da celebración do nomeamento de liberada dunha amiga súa como dunha xubilación de ouro. Esa é tamén a miña experiencia, feita de conversacións con directores de entidades públicas que «perderon» un traballador e apenas ven ao liberado catro ou cinco veces ao ano.

Pode que os liberados traballen a tempo completo nos sindicatos e que non haxa máis que os que corresponde por lei, pero pode que non sexa así.

O artigo 38 do Estatuto Básico do Empregado Público, que permite romper pactos previos se as condicións económicas cambian, permitiu ao Goberno central modificar o acordo salarial firmado cos funcionarios e rebaixarlles o salario. É o mesmo que cita Esperanza Aguirre para rebaixar o número de liberados na Comunidade de Madrid e aforrar 73 millóns de euros.

As Administracións públicas, que se financian cos nosos impostos, están obrigadas a informar de cantos son e canto lle custan ao país os liberados actuais.