Archivo de la etiqueta: dereitos

Veciños non gratos

Á pregunta de se lles molestaría ter como veciños a determinadas persoas, un 51% de mozos vascos, entre 15 e 29 anos, rexeita a vecindade cunha vítima do terrorismo; case os mesmos (55%) que cun membro de ETA. Outros veciños non gratos son os drogaditos (48%), xente con antecedentes penais (46%) e neonazis (62%). Os datos proceden dun informe sociolóxico sobre a xuventude de Euskadi.

A primeira interpretación apunta a unha falta de solidaridade coas víctimas do terrorismo e a unha actitude de ollar para outro lado ante un problema específico da sociedade vasca, pero os datos son extrapolables.

A enquisa non indaga nos motivos do rexeitamento, pero é evidente que non son ideolóxicos. O único rasgo común aos grupos non gratos é o risco que pode implicar a súa vecindade. E non se distingue entre os xeradores de violencia e as vítimas dela.

Ese desexo de evitar o risco é unha actitude común a outras sociedades. Seguridade e comodidade son os grandes valores do mundo occidental. Vivimos na modorra espiritual que tanto irritaba a Unamuno.

Hoxe no mundo árabe hai xente nova que está inmolándose para conseguir xustiza e liberdade. Diríase que no mundo occidental o idealismo da xuventude, a súa capacidade de rebeldía e de loita polas causas nobles está desaparecendo. Iso paréceme o máis triste do informe sobre a xuventude de Euskadi.

¿Canto vale a liberdade dun pobre?

Un home pasou trece anos na cadea, condenado por delitos de violacións que non cometera. Era drogadicto e pobre, e tiña, igual que o auténtico violador, un defecto na vista. Unha das vítimas creu que era o home que a atacara e non se necesitou máis. Ata aquí a cousa resulta máis ou menos comprensible aínda que, dados os erros que se producen nos recoñecementos e dado que as vítimas foron varias, que só unha testemuña se converta en proba definitiva resulta sospeitoso. Quizá se o acusado fose rico, famoso ou poderoso se necesitasen máis evidencias, pero, en fin.

O intolerable ocorreu despois. Tras meter na cadea o acusado, violacións semellantes ás denunciadas seguiron a producirse e a policía comezou a pensar que quizá fose inocente. O Instituto Nacional de Toxicoloxía revisou de novo os restos biolóxicos do caso e concluíu que non eran do acusado. A policía comunicouno a Audiencia. E, cousa incomprensible, a Fiscalía non pide a revisión do caso. ¿Quen é o responsable? ¿Unha persoa en concreto ou esa entidade abstracta que é o Ministerio de Xustiza?

Sete anos despois aparece o verdadeiro culpable e o home que leva trece aos na cadea queda por fin en liberdade no verán do 2008. O 31 de decembro do 2010, recibe unha indemnización: 555.600 euros polos 4.630 días que pasou inxusta e inxustificadamente na cadea. A 120 euros por día. Demasiado barato. A ese prezo, ¿para que molestarse en revisar os casos dos marxinados sociais?

Contra Aena e o Goberno

Circula por Internet unha nota supostamente emitida pola Unión Sindical de Controladores Aéreos, firmada por José Teófilo Guerrero Pozo, na que se ataca de forma virulenta a Aena e ao Goberno, aos que considera responsables da situación actual. Eu vina por primeira vez en marzo deste ano, pero é posible que sexa anterior. Aparece recollida en diversos foros e en varios xornais dixitais. Agora esa nota estase difundindo a través de correos electrónicos de particulares con motivo do recente caos aéreo.

Nela informase de que Aena está en quebra, que ten un «furado negro» de case 13.000 millóns de euros (800.000 euros diarios de intereses), provocado por investimentos en infraestruturas, obras que foron adxudicadas sempre a tres empresas afíns ao PSOE.

Atribúen esta situación ao PSOE, xa que cando o PP perdeu as eleccións deixou en Aena as contas claras. Porén, Aena agora non pode pagar aos acredores, polo que a banca estranxeira pode exercer o dereito de embargo sobre os nosos aeroportos nacionais e facerse coa propiedade deles.

Os conflitos cos controladores serían só unha cortina de fume provocada por Aena para ocultar a gravidade da situación.

En dita nota fanse acusacións graves contra persoas e institucións concretas e dado que é moi extensa e nela aparecen xuntas mentiras e algunhas verdades, sería de agradecer que os implicados respondesen e aclarasen as ideas a miles de internautas que, de boa fe, se preguntan uns a outros se o que alí se di é certo.

A rectificación de Fidel

Aafirmación de Castro de que o sistema comunista xa non funciona nin en Cuba produciu estupor, pero foi interpretado como un apoio aos cambios que o seu irmán vai propoñer. Eu cando o lin pensei que Fidel empezaba a chochear. E a rectificación que vén de realizar afianzoume nesa idea. A min interésame e preocúpame moito a demencia senil. Levo anos observando o comportamento de persoas de alto nivel intelectual que, chegados a unha idade avanzada, comezan a dar opinións que socialmente se consideran imprudentes, inconvenientes ou impertinentes, e que nunca ata ese momento manifestaron. A impresión é que din o que pensan sen importarlles as consecuencias.

Coido que Castro díxolles aos periodistas estadounidenses o que hoxe pensa de verdade sobre a situación en Cuba. Non foi un lapsus linguae . A rectificación -incrible- chega días despois e ten que facela lendo un papel. Fíxense. En varios momentos do comunicado le o que quere transmitir coma se tivese medo de volver dicir o que pensa e non o que debe. A min recordoume o caso dunha parella formada por unha muller de carácter insufrible e un home que a aguantaba con paciencia infinita, ata o día en que, xa vello, lle dixo en público: «Es insoportable e sempre fuches insoportable». A muller ollou cara aos presentes e comentou: «¡Pobriño, chochea!». Os dous tiñan razón. A demencia permitiulle manifestar o que sempre ocultara. Será interesante comprobar se ao Comandante lle deixarán falar en público sen levalo escrito.

Urxencias

Ata que non se sofre non se decata un do mal que funcionan algúns servizos. Nun accidente fóra da casa rompín un dedo da man dereita. Leváronme ás urxencias dun gran hospital público de Madrid. Entrei ás 18.40 horas e saín á 1.30 da madrugada. A miña impresión é que se estivesen mellor organizados ese tempo abreviaríase moito. Eu e oito accidentados máis agardamos dúas horas a ser recibidos por un médico, que no meu caso e á vista do aspecto da man, sorprendeuse de que non tivese unha radiografía. Houbo un intercambio de queixas e desculpas entre médico e axudantes e mandáronme de novo á sala de espera. Hora e media máis tarde e coa man como un globo denegrido comezo a preguntar que pasa coa miña radiografía, e o que pasa é que se perdeu a petición. Unha hora despois, por fin, consigo que me vexa de novo o médico, redúcenme a fractura e póñenme unha escaiola. Aínda falta comprobar cunha nova radiografía que o óso está ben fixado. Fanma e agardo a que apareza o médico, que está desaparecido, ninguén sabe por onde anda. Chega á unha e vinte, di que o óso está «bastante ben» e dime que volva cinco días despois para ver a evolución. Unha amiga está dende outubro sen poder moverse da casa, agardando una operación «urxente» de cadeira. Sete horas para unha escaiola dun dedo, sete meses para unha operación urxente. Así funciona a sanidade pública nos grandes centros. Mágoa que unha mala organización bote por terra o rendemento dun servizo e o traballo duns bos profesionais. ¡Deséxolles que teñan un feliz 2010, con saúde e sen urxencias!