Archivo de la etiqueta: respecto

Vostede…, ti

Na sociedade española perdéronse nos últimos vinte anos as posturas de autoridade e respecto que rexían relacións moi importantes: a dos pais cos fillos, a destes cos mestres e a de calquera adulto cos profesionais da medicina. E chegaron as agresións.

No caso de docentes e médicos houbo un primeiro sinal do problema ao que non se lle deu importancia: a perda do tratamento de respecto, o paso do vostede ao ti. Moitos ensinantes favoreceron que os alumnos os tratasen igual que trataban aos compañeiros. Nos hospitais e ambulatorios xeneralizouse que médicos e enfermeiras tratasen de ti mesmo a persoas que por idade poderían ser seus avós, e, en xusta correspondencia, foron atuados.

A linguaxe non provoca os cambios sociais, só os recolle. Na fala (Saussure dixit) xorden expresións que reflicten a vida cotiá. A lingua recolle só as que están avaladas por un longo uso; son as que pasan ao dicionario e á gramática. En España o tratamento de respecto está en vías de desaparición. Hai xente nova que non o sabe utilizar. Nestas páxinas contei o caso da dependenta que, obrigada a tratar de vostede aos clientes, dicía : «¿Vostede queres pastillas ou xarope? Pérdese o vostede , e esa barreira lingüística deixa o camiño expedito para pasar do ti ao insulto, e de aí á agresión física. Intentar repoñelo agora sería inútil, porque esa perda non é a causa das agresións, só un signo doutra perda máis fonda. Hai que recuperar a autoridade e o respecto. O vostede virá de seu.