Archivo de la etiqueta: sanidade

Adelgazar comendo

Chegou o bo tempo. O panorama económico é cada vez máis negro, pero en xornais e revistas aparecen xa ofertas para o verán e consellos para aproveitalo.

Ultimamente eu frecuento consultas de rehabilitación onde leo revistas médicas e estou moi ao día sobre asuntos de medicina preventiva: como evitar o colesterol, vantaxes ou perigos do exercicio, consellos para poñerse morenos sen provocar un melanoma, dietas para perder quilos, e cousas así.

Nunha desas gacetas médicas din cunha información que me pareceu útil.

Criticaba as chamadas dietas milagre e explicaba que a solución á gordura está no proceso da dixestión, no chamado ciclo de Krebs, que foi o descubridor. A explicación científica escapa aos meus nulos coñecementos do tema e cando empezou a falar de acoplamento quimiosmótico, fosforilación oxidativa, succinatos, piruvatos, acetoglutaratos ou oxaloacetatos, perdinme, pero a conclusión era clara e sinxela: o proceso da dixestión consome unha parte das calorías que inxerimos, mellor dito, necesita calorías para poñerse en marcha. Se as que lle botamos son menos das que necesita, ten que facer uso de graxas acumuladas. Por exemplo: se a media maña, en vez dun bocata de xamón tomamos unha mazá, o mecanismo da dixestión gasta máis calorías que as que lle proporciona a triste mazá e terá que collelas do michelín que atope máis a man. Ou sexa, que hai que comer pouco moitas veces ao día.

A min paréceme que se o remedio para a gordura fose tan sinxelo non habería tanto gordo descontento da súa situación. Pero, en fin, por probar non se perde nada.

¡Ben polas monxas!

As monxas católicas americanas xogaron un gran papel na reforma sanitaria do presidente Obama. As representantes de sesenta mil relixiosas escribiron ao Congreso dos Estados Unidos pedindo que apoiasen a reforma. Opuxéronse así á Conferencia Norteamericana de Bispos Católicos, que a rexeitaba por considerala un subsidio encuberto ao aborto. As monxas deron unha lección de moral e caridade cristiá que debeu avergoñar a máis dun, se é que aínda lles queda vergoña despois do que se vai descubrindo dos abusos a menores. As monxas denunciaron sen ambaxes que a oposición á reforma é por intereses políticos que nada teñen que ver coa fe. E reivindicaron o seu dereito a opinar nesta cuestión, porque son as que mellor coñecen a inxusta situación dos que non teñen seguro médico. Coñecen de primeira man o problema porque son as que atenden nos hospitais aos doentes sen seguro, que veñen a ser naquel país uns 47 millóns de persoas. En Estados Unidos hai 1.200 centros hospitalarios da Catholic Health Association, polos que pasan ao ano un de cada seis cidadáns norteamericanos. A declaración da directora da rede social de monxas que atende nos hospitais foi tallante: «Elas son as que todos os días traballan coa xente que sofre a carencia dun seguro médico. A reforma é unha resposta de fe baseada nunha necesidade humana». ¿Alguén se imaxina algo así en España? ¿Monxas que se opoñen no nome da fe aos bispos? ¿Monxas reivindicando xustiza social e denunciando á xerarquía por politiqueos? Estados Unidos ten cousas admirables, non cabe dúbida.

Urxencias

Ata que non se sofre non se decata un do mal que funcionan algúns servizos. Nun accidente fóra da casa rompín un dedo da man dereita. Leváronme ás urxencias dun gran hospital público de Madrid. Entrei ás 18.40 horas e saín á 1.30 da madrugada. A miña impresión é que se estivesen mellor organizados ese tempo abreviaríase moito. Eu e oito accidentados máis agardamos dúas horas a ser recibidos por un médico, que no meu caso e á vista do aspecto da man, sorprendeuse de que non tivese unha radiografía. Houbo un intercambio de queixas e desculpas entre médico e axudantes e mandáronme de novo á sala de espera. Hora e media máis tarde e coa man como un globo denegrido comezo a preguntar que pasa coa miña radiografía, e o que pasa é que se perdeu a petición. Unha hora despois, por fin, consigo que me vexa de novo o médico, redúcenme a fractura e póñenme unha escaiola. Aínda falta comprobar cunha nova radiografía que o óso está ben fixado. Fanma e agardo a que apareza o médico, que está desaparecido, ninguén sabe por onde anda. Chega á unha e vinte, di que o óso está «bastante ben» e dime que volva cinco días despois para ver a evolución. Unha amiga está dende outubro sen poder moverse da casa, agardando una operación «urxente» de cadeira. Sete horas para unha escaiola dun dedo, sete meses para unha operación urxente. Así funciona a sanidade pública nos grandes centros. Mágoa que unha mala organización bote por terra o rendemento dun servizo e o traballo duns bos profesionais. ¡Deséxolles que teñan un feliz 2010, con saúde e sen urxencias!