Archivo de la etiqueta: delgadeza

Adelgazar comendo

Chegou o bo tempo. O panorama económico é cada vez máis negro, pero en xornais e revistas aparecen xa ofertas para o verán e consellos para aproveitalo.

Ultimamente eu frecuento consultas de rehabilitación onde leo revistas médicas e estou moi ao día sobre asuntos de medicina preventiva: como evitar o colesterol, vantaxes ou perigos do exercicio, consellos para poñerse morenos sen provocar un melanoma, dietas para perder quilos, e cousas así.

Nunha desas gacetas médicas din cunha información que me pareceu útil.

Criticaba as chamadas dietas milagre e explicaba que a solución á gordura está no proceso da dixestión, no chamado ciclo de Krebs, que foi o descubridor. A explicación científica escapa aos meus nulos coñecementos do tema e cando empezou a falar de acoplamento quimiosmótico, fosforilación oxidativa, succinatos, piruvatos, acetoglutaratos ou oxaloacetatos, perdinme, pero a conclusión era clara e sinxela: o proceso da dixestión consome unha parte das calorías que inxerimos, mellor dito, necesita calorías para poñerse en marcha. Se as que lle botamos son menos das que necesita, ten que facer uso de graxas acumuladas. Por exemplo: se a media maña, en vez dun bocata de xamón tomamos unha mazá, o mecanismo da dixestión gasta máis calorías que as que lle proporciona a triste mazá e terá que collelas do michelín que atope máis a man. Ou sexa, que hai que comer pouco moitas veces ao día.

A min paréceme que se o remedio para a gordura fose tan sinxelo non habería tanto gordo descontento da súa situación. Pero, en fin, por probar non se perde nada.

A beleza da delgadeza

Un informe sobre a poboación adolescente española descobre que case a metade das rapazas , un 46% , vense gordas e intentan por diversos medios perder peso. Eso será para moitas o comezo do camiño que leva a anorexia .

Hoxe sábese que a raíz desa doencia está na mente , na distorsión entre os datos da realidade e a visión de si mesma que ten unha persoa. É algo que debe ser tratado pola psiquiatría e que non se pode resolver só coa boa intención das víctimas e das familias.

Tamén sabemos que moitas mulleres famosas pola súa beleza ou elegancia eran anoréxicas , como a emperatriz Sisi ou a duquesa de Windsor , que dicía que nunca un é demasiado rico nin demasiado delgado.
Nesa distorsión mental xúntanse dous elementos que se potencian mutuamente . O primeiro é a incapacidade para acomodar a imaxe de sí mesmo ós datos da experiencia. A persoa anoréxica, cando se lle pide que escolla entre varios siluetas a que cree que se corresponde coa súa , escolle sempre a dun corpo groso : así é como se ven .

O outro elemento é súa concepción da beleza, que se identifica coa extrema delgadeza . Acabo de ler un testimuño arrepiante dunha rapaza de dezaseis anos que está en vías de curación . Sabe que é unha doenza , pero confesa que olla para as fotos da súa etapa anoréxica e di : » A beleza dese corpo delgado conmóveme ; para mín eso era , i-é , beleza «.

Esa admiración esaxerada pola delgadeza existiu sempre , pero parece claro que nestes últimos tempos o número de persoas que a padecen incrementouse de xeito alarmante, como consecuencia dun cambio nos criterios estéticos .

Aínda que só algunha rapaza dese 46 % que se ven gordas caerá na enfermidade, o resto seguirá a sentirse mal a gusto na súa pel por culpa dun ideal estético que arruina a saúde e convirte ás mulleres en bonecas irreais.

Dado que se trata dunha doenza en gran parte social, deberían incrementarse as campañas publicitarias que contrarrestasen a nefasta influencia do modelo de beleza da talla trinta e seis.