Archivo de la etiqueta: igualdade

Primeiras damas

Apresenza de Carla Bruni na visita a Madrid do presidente Sarkozy levantou múltiples e variados comentarios. Algúns lembráronse da broma de Kennedy cando visitou París: «Eu son o tipo que acompaña a Jackie Kennedy». Uns destacaron que o charme de Carla Bruni fixo pasar a segundo plano a opinión de Sarkozy de que «quizá Zapatero non sexa moi intelixente». Outros criticaron que se dese máis información sobre os discretos tacóns da dama francesa e os «taconazos» de dona Letizia que sobre os asuntos serios que había que tratar. Non faltou quen veu en Carla Bruni «o maior logro político de Sarkozy», e polo contrario, tampouco faltou a crítica de carácter feminista que lamenta o «papel de floreiro» da primeira dama francesa.

A min, que defendo a igualdade social de homes e mulleres, non me parece mal que se preste atención ás primeiras damas, xa sexan ás que tiveron un papel importante na política como foi Hillary (que dabondo llo criticaron ) ou ás que se limitan a ser mulleres dos seus maridos e desempeñan con dignidade ese papel que as circunstancias lles asignaron. O único que se lles debe esixir ás primeiras damas é prudencia e honradez: que non metan a pata nin a man, que non deixen en mal lugar ao Estado que representan. Despois, que cada unha se desenvolva segundo o seu talento ou gusto. A razón oculta tras tantos comentarios sobre Carla Bruni coido que é a de sempre: que segue sen haber igualdade, que cando unha muller ocupa un posto de relevancia social, faga o que faga e sexa como sexa, convértese en obxecto de controversia e de curiosidade.

Un gran país

O 4 de novembro do 2008 Estados Unidos volveu a ser para o mundo aquela América que representaba a esperanza no porvir para miles de inmigrantes: o país no que todo era posible. Un gran país. A min chamábame a atención a frase que cando nacía un neno se dicía popularmente naquelas terras e que contiña en si a esencia do soño americano, a fonda crenza de que calquera podía chegar ao posto social máis alto: «Temos un presidente». A partir de agora poderán dicilo con máis razón que nunca, e non me estrañaría que tamén en breve poidan dicir cando nace unha nena: «Temos unha presidenta», porque hoxe todos sentimos que as palabras do primeiro presidente negro na historia de Estados Unidos non son un recurso retórico nin unha utopía, senón unha verdade que a súa propia persoa ratifica: América é un pobo no que os soños poden facerse realidade.

Pertenzo a unha xeración que escribía nas paredes da universidade «yankees go home», que criticou o imperialismo e chorou por Martín Lutero King. Pero sempre admirei e tamén envexei o amor á patria dos americanos, a súa satisfacción por selo, o seu radical optimismo, a súa confianza na democracia.
Agora América vén de dar ao mundo unha lección daquela democracia que soñaron os gregos, e os dous candidatos unha lección de elegancia e patriotismo da que deberíamos tomar exemplo. A superación en América dun arraigado prexuízo racial é un avance cara a igualdade no que todos quedamos implicados. Hoxe o mundo é máis xusto e máis libre. Alegrémonos.

As croquetas e a crise

O Ministerio de Economía lanzou xusto agora, cando o persoal se pregunta que vai ser dos seus aforros, un anuncio moi atinado para que merquemos Letras do Tesouro. Nel lóubase ás mulleres que fan boas croquetas, alimento nutritivo e barato, que se fai con leite, fariña, un pouco de manteiga e un pouquiniño ben picado de calquera cousa. Hai que ter boa man, iso si, porque a graza da croqueta é que estea crocante por fora e branda por dentro. Se o consegues, non só alimentas ben a túa familia, senón que tes engaiolado ao teu home, como se ve no anuncio do ministerio.

Óese primeiro unha voz de muller dicindo: «Como psicóloga dígoche que deberías deixar ese traballo e esquecerte da túa muller».

Seguramente o colexio de psicólogos protestará dicindo que o anuncio atenta contra á súa profesionalidade, xa que eles non instan a ninguén a abandonar familia e traballo, senón que axudan a que o individuo recoñeza os seus problemas para intentar solucionalos. En fin, pequeneces; o importante é que o home replícalle como debe facer un marido ben mantido e agradecido: «¿Deixar á miña Puri? ¿Ti estás tola?». E refrégalle á estúpida psicóloga os méritos da súa muller: «¡A miña Puri é o mais grande! ¡Como se nota que non probaches as croquetas da miña Puri!».

Como ven, non ten desperdicio nin social nin culturalmente, pero as feministas puxéronse a protestar e o Ministerio de Igualdade, dando mostras dunha perfecta coordinación entre os distintos ministerios, suprimiuno. Mágoa grande porque era un bo exemplo de cómo anda o patio.

A crise económica pasará, din que é cuestión de dous ou tres anos, pero ao problema que está no fondo do asunto das croquetas eu non lle verei a solución. Oxalá que a xente nova chegue a vela.