Archivo de la etiqueta: crise

Fuga de cerebros

O problema é vello. Os nosos universitarios ao acabar a carreira non atopan aquí traballo acorde á súa formación; acaban en moitos casos de condutores de autobús, porteiros de noite, vendedores en tendas de luxo, ou na casa dos pais e no paro. Médicos ou enfermeiras van a Portugal (sobre todo os galegos) ou a Inglaterra. Había unha excepción: os enxeñeiros industriais, sobre todo os de telecomunicación, a xoia da coroa. Eses tiñan traballo seguro… ata que chegou a crise.

Agora Alemaña necesita 36.000 enxeñeiros. Alí a xente nova preferiu unha formación profesional, que é mais curta e está ben pagada. E, como Alemaña non é unha ONG, busca enxeñeiros onde máis baratos están, ou sexa, en España. Nada que ver coa man de obra case analfabeta que marchou para aló nos anos 70. Agora van rapaces ben preparados, que cobrarán un 40% menos que os seus colegas alemáns, pero que en poucos anos estarán integrados naquel país. A maioría non volverán, ou farán como o emigrante do poema rosaliano: «Cando xa vello sea/tornarei cos meus ósos para a aldea/que algo lle hei de levar á terra nosa». Non é culpa deles. Ao perdelos, perdemos de novo o tren do futuro.

Un drama humano

Cando se fusionan dúas ou máis caixas sempre sobra xente. Este é un problema social que non se pode esquecer. Todo o mundo teme pola conservación do seu emprego e a tensión é inevitable, pero hai diferenzas notables. Os que teñen unha idade próxima á xubilación están menos preocupados, porque o mais habitual é que se lles ofreza a posibilidade de prexubilarse con todo o salario ata que cumpran os sesenta e cinco anos. De aí para baixo comezan os problemas. Os que roldan os cincuenta, se os despiden, teñen unha boa indemnización, que ademais acostuma a levar aparellada un incentivo extra de tipo económico. Para moitos, non obstante, segue a ser un problema. Se aínda sobra xente, os máis ameazados son os máis novos, porque o seu despido é o máis barato. Pero esta xente é tamén a máis preparada (idiomas, másteres de todo tipo). A súa perda, a medio prazo, será sen dúbida un problema para a empresa. E aínda hai que considerar as posibilidades de desprazamento. A quen viva en Córdoba non o enviarán probablemente a Barcelona, porque non lle compensa á empresa, pero si poden desprazalo dabondo como para trastornar todos os plans da familia: casa, colexios dos nenos, etcétera. E por último está a reorganización do organigrama. Eu coñezo a un alto executivo dunha caixa andaluza afondado na depresión porque, aínda que mantén o salario, perdeu a capacidade de mando que tiña anteriormente. Ou sexa, que as fusións, que son boas para o sector financeiro, levan aparellado para moitas persoas un sufrimento que, en xustiza, hai que intentar reducir ao mínimo.

¿Seremos os seguintes?

Hungría ao borde da bancarrota. Esa foi a noticia que apareceu na primeira páxina dos xornais o sábado 5 de xuño. Eu vinos o venres de noite xunto cunha amiga, de paso por Madrid, coa que viña de facer un recorrido por algúns dos sitios de moda da noite madrileña.

Víñamos contentas, polo gusto de estar xuntas e pola ledicia contaxiosa de ver miles de persoas polas rúas, uns en tendas abertas ata moi tarde, e outros enchendo terrazas, bares de tapeo e restaurantes, un venres no que outros tantos miles de cidadáns estaban celebrando fóra da capital a ponte do Corpus. Miña amiga dixo: «Debe de ser certo que as cousas comezan a ir mellor, porque isto vese moi animado». E iso mesmo pensei eu o día anterior no que me tocou viaxar para dar unha conferencia en Murcia, onde o a festa de Corpus no foi festiva. O aeroporto estaba abarrotado de españois, moitas parellas novas con nenos pequenos, que viaxaban cara aos lugares de praia. Que a xente viaxe, que merque e que saia cear parece un bo sinal. Quizá sexa certo que a nosa economía vai resistir a crise.

Estabamos tan contentas cando se me ocorreu poñer a tele para ver as últimas noticias. E ficamos abraiadas: Venres negro. A débeda española dispárase. O euro en mínimos históricos. Caen de novo as bolsas. Hungría ao borde da bancarrota. O Goberno de Budapest recoñece que falseou as contas, igual que fixo Grecia…

As nosas contas ¿estarán ben feitas? ¿Ou serán como os brotes verdes? ¿Quen será o próximo en caer? Miña amiga, que é unha optimista irredenta, contestou: «Portugal, ho…». E calou.

O lío da economía

Os expertos en economía quizá teñan unha idea clara do que está a pasar no país e quizá iso lles permita tomar algunhas medidas para protexer os seus bens. Os demais, a inmensa maioría das persoas que somos ignorantes na materia, constituímos unha masa desconcertada que teme pola súa pensión (recortes), polo seu traballo (facilidade de despido) e polos seus aforros (¿que pasa coa banca?).

Á parte de que resulta incrible que o goberno actual tardase tanto tempo en decatarse da existencia da crise e da súa fondura, as noticias económicas sobre feitos puntuais e os comentarios sobre elas de supostos expertos están completamente mediatizados polas tendencias políticas dos medios e dos individuos.

Tomemos o exemplo dos bancos. Cando caeu o Lehman Brothers díxose que a banca española era a máis solvente de Europa. Recentemente fíxose público que os bancos españois deben seiscentos mil millóns de euros a bancos europeos, que o prazo de devolución está a caer e que iso crea graves problemas. Pouco despois anunciouse a toque de trompeta que o Santander e o BBVA son os dous mellores bancos de Europa, os primeiros nos tests de resistencia á crise. E de seguido dinnos que eses dous bancos non son representativos no conxunto da banca española. ¿En que quedamos?

A impresión dos que non somos expertos e temos que fiarnos do que outros nos din é que nos enganan, que nos ocultan datos ou que os manipulan para manterse no poder ou para alcanzalo. ¿Para cando un estudo obxectivo e imparcial da situación á marxe de intereses políticos? ¿Alguén pensa no ben común?

Seis mil euros

Para min seis mil euros son moitos cartos, independentemente do que se consiga con eles. Eu teño un bo salario como funcionaria con catorce trienios e aínda sumo algo máis co que gaño escribindo. Considérome, nestes tempos de penuria, unha afortunada, non se me ocorre dicir como Esperanza Aguirre que son pobre ou que chego con dificultades a fin de mes. Vivo ben e mesmo vou xuntando uns aforros para cando chegue o momento de ir a unha residencia, e non ser unha carga para os fillos nin depender da axuda de Gobernos que prometen e non dan. Pero seis mil euros parécenme demasiados cartos para que o señor Montilla se dea o gusto de non falar unha lingua que entendemos todos os españois. Síntome estafada e enganada, e pregúntome como se sentirán os catro millóns longos de parados e todos os que cun salario recortado loitan para chegar ao fin de mes. Seis mil euros son moitos cartos para a maioría dos españois, para os que aínda contamos en pesetas, e para a xente nova que ou non ten traballo ou acepta salarios miserables e efémeros. Coido que mesmo serían moitos cartos para o señor Montilla se os tivese que pagar do seu diñeiro. Seis mil euros só lle parecen unha pequenez a quen , despois de rebaixar da noite á mañá salarios e pensións, vai pensar durante varias semanas a contribución que lles corresponde ás grandes fortunas. Seis mil euros, que só serviron para subliñar o que separa e non o que une a todos os españois, son unha boa inversión soamente para quen , igual que fixo co cheque bebé, repartido indiscriminadamente, compra votos para manterse no poder.