Estes días descubriuse en Valencia a maior fábrica de Europa de billetes falsos de 500 euros. Nove millóns estaban xa listos e a fábrica tiña capacidade para producir 700 millóns de euros. A policía informou de que se trataba de billetes «de altísima calidade», que incluso para os expertos serían difíciles de detectar. O papel e os selos empregados procedían de China.
Tamén é China a orixe das innumerables falsificacións de artigos de luxo que chegan cada día a España: bolsos, reloxos, roupa, zapatos… Un amigo funcionario de Aduanas cóntame que é imposible controlar todos os contedores e que as falsificacións son ás veces tan perfectas que os propios representantes dos produtos orixinais dubidan de si se trata dunha falsificación ou dun roubo.
Eu merquei en Pequín un bolso dunha marca que é igualiño ao dunha amiga que o mercou en Madrid por un prezo dez veces superior. O meu leva unha etiqueta que asegura que se trata dun produto orixinal.
Parece evidente que un negocio de esta envergadura conta, senón con apoio, coa tolerancia das autoridades chinas, tan eficaces para reprimir disidencias e tan despreocupadas de asuntos como as falsificacións ou o respecto ao medio ambiente. A explicación pode estar na frase famosa de Xiaoping, que todos os guías locais repiten machaconamente para responder ás preguntas incómodas: «Gato negro ou gato branco é indiferente; o que importa é que cace ratos». Ou sexa, o que importa é o resultado, o éxito económico, e non importan os medios utilizados para conseguilo. Coido que isto chámase maquiavelismo.