Empezan a chegar a España os primeiros nenos de Haití adoptados por familias españolas. Levaban anos de trámites e a catástrofe fixo que estes se acelerasen e puidesen chegar por fin aos seus pais adoptivos.
Son moitas as persoas que nestes momentos estarían dispostas a adoptar nenos daquel país, pero en contra do que parece lóxico, o desastre sufrido non vai facilitar as adopcións, senón máis ben dificultalas.
Segundo me explican, trátase de protexer aos nenos e de evitar tres posibles males: primeiro, que se consideren abandonados algúns que en realidade teñen parentes hoxe en paradoiro descoñecido que quizais máis tarde poderán facerse cargo deles. Segundo, que se fagan adopcións precipitadas das que despois adoptantes e adoptados se arrepintan. Terceiro: que os nenos sexan obxecto de mercado e vendidos ao mellor postor, ou que acaban en redes encubertas de prostitución.
Todo iso compréndese e parece razoable en situacións de normalidade, pero dadas as circunstancias de extrema necesidade en que se atopa o país caribeño, case sen alimentos, sen servizos sanitarios, sen escolas e con grave risco de epidemias, tamén parece lóxico que non se poñan trabas ás adopcións que se soliciten a través de institucións como a Cruz Vermella ou organizacións non gobernamentais serias e acreditadas dende hai anos. Mesmo se podería recorrer a solucións intermedias, como poden ser as dun acollemento temporal.
Pode ser que eu erre porque non son experta neste tema, pero o razoable parece artellar medios para que os nenos de Haití poidan recibir canto antes o agarimo e os coidados que moitas familias españolas están dispostas a darlles.