Un home pasou trece anos na cadea, condenado por delitos de violacións que non cometera. Era drogadicto e pobre, e tiña, igual que o auténtico violador, un defecto na vista. Unha das vítimas creu que era o home que a atacara e non se necesitou máis. Ata aquí a cousa resulta máis ou menos comprensible aínda que, dados os erros que se producen nos recoñecementos e dado que as vítimas foron varias, que só unha testemuña se converta en proba definitiva resulta sospeitoso. Quizá se o acusado fose rico, famoso ou poderoso se necesitasen máis evidencias, pero, en fin.
O intolerable ocorreu despois. Tras meter na cadea o acusado, violacións semellantes ás denunciadas seguiron a producirse e a policía comezou a pensar que quizá fose inocente. O Instituto Nacional de Toxicoloxía revisou de novo os restos biolóxicos do caso e concluíu que non eran do acusado. A policía comunicouno a Audiencia. E, cousa incomprensible, a Fiscalía non pide a revisión do caso. ¿Quen é o responsable? ¿Unha persoa en concreto ou esa entidade abstracta que é o Ministerio de Xustiza?
Sete anos despois aparece o verdadeiro culpable e o home que leva trece aos na cadea queda por fin en liberdade no verán do 2008. O 31 de decembro do 2010, recibe unha indemnización: 555.600 euros polos 4.630 días que pasou inxusta e inxustificadamente na cadea. A 120 euros por día. Demasiado barato. A ese prezo, ¿para que molestarse en revisar os casos dos marxinados sociais?