Archivo de la etiqueta: Igrexa

Os aforriños das monxas

T odo o mundo está sorprendido con esa historia do roubo nun convento de clausura, porque, segundo se van coñecendo detalles, as monxas máis que vítimas parecen culpables. Primeiro denunciaron o roubo de millón e medio de euros; despois, a través dun avogado, reducíronse a 400.000. ¿Tan mal levan as contas? Mais ben parece que, aconselladas polo letrado, intentan evitar que as acusen de evasión fiscal.

As monxas fan traballos de encadernación, que non creo que fagan millonario a ninguén. Pero unha delas é pintora coñecida, co nome de Isabel Guerra. Os seus cadros son figurativos, dun realismo doce, bonitos, véndense ben e, segundo algunhas fontes, o prezo ronda os 50.000 euros.

Na denuncia dixeron que eran «os aforriños» de toda a súa vida. E unha pregúntase se pagaron á Facenda, como facemos os que tras unha vida laboral de corenta anos non vimos xamais un millón de euros xuntos. E tamén nos preguntamos para qué tiñan gardada tal fortuna cando tantas necesidades se poderían remediar con eses cartos.

Posiblemente defraudadoras e sen dúbida insolidarias, ¡vaia exemplo o das monxiñas!

¡Ben polas monxas!

As monxas católicas americanas xogaron un gran papel na reforma sanitaria do presidente Obama. As representantes de sesenta mil relixiosas escribiron ao Congreso dos Estados Unidos pedindo que apoiasen a reforma. Opuxéronse así á Conferencia Norteamericana de Bispos Católicos, que a rexeitaba por considerala un subsidio encuberto ao aborto. As monxas deron unha lección de moral e caridade cristiá que debeu avergoñar a máis dun, se é que aínda lles queda vergoña despois do que se vai descubrindo dos abusos a menores. As monxas denunciaron sen ambaxes que a oposición á reforma é por intereses políticos que nada teñen que ver coa fe. E reivindicaron o seu dereito a opinar nesta cuestión, porque son as que mellor coñecen a inxusta situación dos que non teñen seguro médico. Coñecen de primeira man o problema porque son as que atenden nos hospitais aos doentes sen seguro, que veñen a ser naquel país uns 47 millóns de persoas. En Estados Unidos hai 1.200 centros hospitalarios da Catholic Health Association, polos que pasan ao ano un de cada seis cidadáns norteamericanos. A declaración da directora da rede social de monxas que atende nos hospitais foi tallante: «Elas son as que todos os días traballan coa xente que sofre a carencia dun seguro médico. A reforma é unha resposta de fe baseada nunha necesidade humana». ¿Alguén se imaxina algo así en España? ¿Monxas que se opoñen no nome da fe aos bispos? ¿Monxas reivindicando xustiza social e denunciando á xerarquía por politiqueos? Estados Unidos ten cousas admirables, non cabe dúbida.

Homosexuais excluidos

Nun documento referido á ordenación de sacerdotes o Papa actual non só ratifica a doctrina secular da Igrexa sobre a homosexualidade senón que a fai ainda máis intransixente e discriminatoria.

A consideración de pecado grave para os actos homosexuais é unha cuestión de tradición, non de fé, e , dada a postura progresista do teólogo Ratzinguer no Concilio Vaticano II, algúns católicos tiñan a esperanza de que algo daquela actitude asomase no papa Benedicto XVI . Parece que non é así.

O documento foi dado a conocer pola axencia católica Adista . Na súa páxina de Internet resúmese así o contido : «Se un candidato pratica l’omosessualità o presenta tendenze omosessuali profondamente radicate, il suo direttore spirituale, così come il suo confessore, hanno il dovere di dissuaderlo, in coscienza, dal procedere verso l’Ordinazione».

O documento de tres páxinas, con moitas notas para apoiar as afirmacions, reivindica o dereito da Igrexa a elexir ós que desexan ingresar no seminario. O sacerdocio non é un dereito dos cidadáns senon da Igrexa, que escolle, e que non está disposta a permitir a entrada a ningunha persona con tendencias homosexuais.
A pregunta que a un se lle ocorre de inmediato é : ¿por qué excluir por tendenciais sexuais, cando a función á que optan supón a represión de todo acto sexual ? O que quere entrar nun seminario sabe que debe ser casto ¿ qué importancia ten que o seu obxeto de desexo sexa homo ou heterosexual?

¿Significa que á Igrexa lle parecen máis disculpables casos como o recentemente ocurrido en España do sacerdote que abusou durante dez anos dunha nena que os dos abusos  aos nenos ? ¿Quere dicir que está disposta a correr os riscos que implica un cura non casto heterosexual , pero non os dun cura non casto homosexual ?

San Pablo dixo ( I Cor, 13 )  que a caridade é a primeira entre todas as virtudes.

A exclusión dos homosexuais do sacerdocio coido que é unha decisión contraria á xusticia, á caridade e á razón.