Saio do taxi, arrastro a maleta ata o portal e o porteiro dime que agarde un momentiño. Mentres agardo, chamo ao ascensor. O porteiro volve con catro enormes montóns de correo, suxeitos con cordeis. Sinto que me falta o aire. Alento fondo e dígolle que xa os recollerei noutro momento. O porteiro sorrí: «Lévollos eu». E cóase no ascensor comigo e cos catro fardos, que deposita no chan do meu despacho, porque a mesa e as cadeiras está ocupadas por montóns de papeis que, cando marchei, pareceume que quedaban ordenados e agora parécenme caóticos. Déixome caer nun sofá ollando para os toldos baixos e as cortinas pechadas. Non son quen de levantar uns e descorrer as outras.
Isto é sen dúbida a síndrome posvacacional: astenia, insomnio, falta de concentración no traballo, desinterese por el, incluso incapacidade para afrontalo. Todo iso acompañado de sensacións de ansiedade e mesmo anguria e cambios de conduta que derivan en agresividade.
Leo nun xornal que máis do 50% da poboación que traballa sofre esta síndrome. Menos mal que a maioría dos afectados supérano a partir da primeira semana.
Está diagnosticado dende hai moi pouco tempo. Quizá sexa xerado polo modo de vida moderno, pero é posible que á volta ao traballo producise sempre estas doenzas, que se disimulaban por razóns sociais, como segue pasando hoxe. A síndrome posvacacional non está ben vista. Tivemos vacacións, temos un traballo; somos uns privilexiados.
Pero se o razoamento non nos mellora, a partir dunha semana recoméndase ir ao médico. Con sorte encontraremos un que entenda do asunto.