Cada certo tempo aparecen no mercado pulseiras con supostas propiedades que melloran diversas doenzas: artrose, reuma, estrés, xaquecas… As máis recentes son holográficas e, segundo a publicidade, fomentan o equilibrio, a forza e a flexibilidade. Unha asociación de consumidores e tamén o Instituto Nacional do Consumo advirten que se trata de publicidade enganosa. A firma que comercializa o produto deféndese dicindo que nunca recomendou as pulseiras con fins sanitarios senón como un produto beneficioso para o corpo dende o punto de vista do benestar. A todas estas, Cristiano Ronaldo lócea nos partidos, e en España lévanse vendidas case medio millón de unidades.
Seguramente é certo que producen benestar. Os placebos funcionan e non hai que desprezalos. En Estados Unidos fíxose unha proba con catro grupos de voluntarios. Ao primeiro subministráronlle o medicamento convencional, ao segundo un placebo sen que soubese que o era; ao terceiro déronlle o mesmo, pero advertíndolles que se trataba dun placebo; e ao cuarto non o medicaron. Os efectos beneficiosos dun placebo xa se coñecían, pero o sorprendente foi que, excepto o cuarto, todos melloraron, mesmo os que sabían que lles estaban dando un produto ineficaz. ¿Como se explica ? Quizá porque abonda con que nos atendan para sentirnos mellor; ou quizá porque no fondo agardamos que o placebo sexa eficaz, aínda que os médicos non o saiban.
Así que non hai que demonizar eses produtos ou obxectos dos que alguén nos di: «A min fíxome ben». A atención e a esperanza son boas medicinas.