Archivo de la etiqueta: tabaco

Hostaleiros e tabaco

Dende a Federación Española de Hostelería aseguran que vai haber demandas contra o Goberno pola entrada en vigor da lei antitabaco. Din que se cometeu un «atropello total» contra os empresarios do sector porque moitos deles tiveron que acondicionar zonas de non fumadores en cafeterías, restaurantes e discotecas, con gastos que oscilan entre os 5.000 e os 100.000 euros.

Eu de discotecas non teño experiencia, pero nin en Madrid nin en Galicia nin nas viaxes por outros puntos de España tiven a sorte de disfrutar deses locais acondicionados para non fumadores: ou non existían ou se trataba do peor lugar do establecemento, un recuncho con catro mesas pegadas unhas ás outras e a maioría das veces sen luz natural nin ventilación. E a gran maioría das habitacións de hoteis de tres ou catro estrelas seguen ulindo a fume de tabaco.

Cando as cousas se fan mal, ninguén queda contento. A lei foi un fracaso e a oposición, sobre todo en Madrid, tivo moita culpa. Pero tamén o gremio da hostalería, que non pensou na saúde ameazada dos camareiros nin dos clientes non fumadores, que pese a todo seguimos aguantando os locais con fume. Só pensaban na improbable perda da clientela fumadora. Erro manifesto como se viu en toda Europa.

Agora persisten no erro e pretenden habilitar zonas para fumadores, sen camareiros e sen nenos; seguramente as que antes dedicaron aos que non fumamos. Confío en que o bo criterio dos que mandan, se algún lles queda, se impoña e non acepten tal amaño. Se o fan, por primeira vez compadecerei aos fumadores. Será como pechalos nun forno crematorio.

Locais sen fumes

O gremio da hostalería púxose catastrofista e anuncia a ruína económica para bares e restaurantes como consecuencia da prohibición de fumar neles. O sentido común e a experiencia doutros países están en contra de tal afirmación. Os locais onde non se podía fumar foron os prexudicados pola actual lei, pola sinxela razón de que os fumadores deixaron de frecuentalos e, con eles, os amigos ou coñecidos de tales fumadores que unha vez máis cedían á chantaxe de: «¿Non che importa que fume?» ou: «Por favor, imos a un onde se poida fumar».

Afeitos a ser afumados por fumes alleos, os non fumadores ceden unha e outra vez, e só nos casos de problemas serios de saúde ou cando van con nenos pequenos poñen o veto aos locais con fume. Se non hai elección, acabouse o problema. Os fumadores farán o que fan os dos países onde está prohibido fumar en lugares públicos.

Eu vivín o cambio en Italia e os bares e os restaurantes seguían cheos. Os meus colegas universitarios, moi fumadores, saían dos locais para botar un pito na rúa e ningún deixou de saír a xantar, a tomar un café ou unha copa. Suprimidos os fumes, a xente irá a onde haxa mellor cociña e mellor xénero, máis limpeza, ambiente máis agradable e servizo máis atento.

A prohibición non vai prexudicar a ninguén. Os hostaleiros terán a clientela que merecen e os non fumadores poderán por fin gozar dos sabores sen interferencia de fumes. Só os fumadores se sentirán máis incómodos, pero acabarán afacéndose, como os que non fumamos nos afixemos a unha situación inxusta e ademais prexudicial para a saúde.