Archivo de la etiqueta: xenocidio

O menciñeiro Karadzic

A profesión escollida por Radovan Karadzic para escapar ao castigo que merecen os seus crimes é moi reveladora da súa personalidade. Desde os menciñeiros galegos ata os máis sofisticados profesionais das medicinas alternativas, todos son xente que non se limitan a dar remedios físicos, senón que indagan nas posibles causas psíquicas do mal e fan recomendacións moi semellantes ás dos psicólogos. Os menciñeiros, antigos ou modernos, máis aló das súas habilidades para compoñer ósos ou manexar maquiniñas que miden as correntes de enerxía, son no fondo conselleiros psicolóxicos que tratan de curar ao mesmo tempo o corpo e o espírito.

Karadzic tomou a aparencia física dun monxe e adoptou as maneiras que correspondían ao disfrace. En palabras dos seus pacientes era un home tranquilo, case místico, interesado en técnicas de meditación e na curación mediante a enerxía vital. E debeu de ter éxito porque vivía, ao parecer, do que gañaba exercendo nunha clínica privada. Parece un caso extremo de cinismo: o home responsable da morte de máis de oito mil musulmáns, dando consellos para mellorar a calidade de vida dos seus pacientes. Pero pode que non sexa cinismo. Descuberto e detido, Karadzic pediu afeitarse, recuperou a antiga imaxe e manifestou o seu desprezo polo Tribunal de A Haia. O arrepentimento é incompatible co seu carácter. Ordenar un xenocidio ou dar consellos como médico son dúas facetas dunha mesma personalidade perigosísima: a dun criminal fanático convencido de estar en posesión da verdade. Unha cadea perpetua é o mellor lugar para el.

Anuncios