Archivo de la etiqueta: pelexas

Pelexas de mulleres

Estes días pasados víronse na televisión e na prensa imaxes dunha malleira que unha rapaza inflixiu a outra. Como a agredida é hispanoamericana, insistiron moito en que non había unha motivación racista, e deixaban entrever que era por unha cuestión de ciumes.

As pelexas entre mulleres non son ningunha novidade. Dona Emilia Pardo Bazán describe con detalle unha entre xitanas na súa novela Insolación , e na Carmen de Merimée, o protagonista masculino, don Xosé, coñece á muller de quen se namorará perdidamente na liorta, con navallada incluída, que ela ten cunha compañeira. Nos dous casos os celos son o motivo e nos dous casos trátase de mulleres de clase social baixa. Nestas loitas cada unha das contendentes tiña un coro que animaba á súa candidata e consolaba e recollía á que resultaba vencida.

A novidade na noticia que comentamos está na idade das rapazas, unhas adolescentes; en que son estudantes nun instituto, e sobre todo en que, en sentido estrito, non era unha pelexa senón unha agresión. O que as amigas gravaron nos móbiles e despois colgaron en Internet é unha secuencia de golpes, patadas e puñadas contra outra rapaza que apenas se defendeu e que non recibiu ningunha axuda. O coro, berrando «¡mátaa, mátaa!», estaba a favor da agresora. Que quixeran dar difusión dun acto tan covarde e tan cruel dá idea da catadura moral das participantes. E tamén do ambiente de moitos centros de ensino. Ou se lle pon remedio, fomentando a disciplina e o respecto aos mestres, ou acabarán convertidos en escolas de delincuentes.

Anuncios