Archivo de la etiqueta: Pallin

Uhna persoa consecuente

A aparición de Sarah Palin cambiou as expectativas sobre as eleccións en Estados Unidos. Agora os republicanos están empatados cos demócratas, e en gran parte, segundo os analistas, débese a que se trata dunha persoa consecuente cos seus principios. Esa calidade esperta admiración e respecto, mesmo nos que non pensan coma ela. A min sorpréndeme, porque a consecuencia cos principios só me parece admirable cando eses principios o son, porque noutro caso poderíamos considerar admirables aos terroristas que se converten en bombas humanas ou aos que disparan tiros na caluga, convencidos da bondade de tales accións.

Esta muller ten un fillo de dezanove anos que está destinado como soldado en Iraq, pero defende a intervención armada e o envío de tropas; seguiu adiante cun embarazo a sabendas de que a criatura sería diminuída mental; vai casar á súa filla de dezasete porque está empreñada de cinco meses. Eu respecto esa forma de pensar, pero non me parece admirable, máis ben temible como posible ocupante da Casa Branca.

O que si me parece admirable é que Palin predique co exemplo. O electorado de calquera parte está farto de promesas que non se cumpren e dunha falsidade que se manifesta nas actitudes de dobre raseiro: defender a honestidade e estar metido na corrupción ata as orellas; predicar a austeridade mentres se vive no luxo. Palin, pola contra, aplica en carne propia a súa ideoloxía belicista e ultraconservadora.

Iso esperta simpatías, pero non convén esquecer que a excesiva tenacidade, a aplicación sen concesións das propias ideas, está moi preto do fanatismo.