Archivo de la etiqueta: Olimpíadas

¡Que sos están!

Que sos, que abandonados, que indefensos deben de sentirse os disidentes chineses. Se as protestas que orixinou o paso da facha olímpica ao longo do seu percorrido lles fixo concibir algunha esperanza de recibir axuda do exterior, xa deberon de perdela. Algúns pensaban que os Xogos ían suavizar a represión e abrir China á democracia. Outros, polo contrario, xa dicían que as cousas seguirán igual ou peor, e que só servirán para darlle ao réxime a oportunidade de mostrar o seu poderío dunha forma pacífica. O que se pode asegurar é que, dende que se lle concedeu a China a organización das Olimpíadas, o réxime non deu un só paso cara a democratización. O que fixo foi aplicarse para ofrecer ao resto do mundo a visión dun país poderoso, rico, autosuficiente e seguro; e reprimir ferozmente calquera disidencia interna. A China non se lle puxo ningunha condición para ser sede olímpica. Todos queren ser amigos da que vai ser a gran potencia do século XXI. ¿Para que cambiar se todos a aceptan como é? As imaxes da inauguración e da clausura causaron sensación, foron un alarde de perfección técnica e de refinamento, pero había algo terrorífico na súa perfección. Aqueles miles de figurantes movéndose ao mesmo tempo recordaban, por un lado, aos escravos que construíron as pirámides e, por outro, aos robots futuristas: un universo rexido por unha disciplina férrea, onde o individuo e os seus dereitos non contan para nada. Son moitos e están afeitos dende séculos a obedecer. ¡Que sos, que abandonados deberon de sentirse na cadea os poucos que aínda soñan en China coa liberdade!