Archivo de la etiqueta: mulleres

Marxinadas, asasinadas

Na columna dun colega leo: «No palmarés do premio Cervantes (1976-2008 ) figuran só dúas mulleres; no Nacional das Letras (1984-2008), tres; no Nacional de Ensaio (1976-2008), unha; no Nacional de Narrativa (1977-2008) dúas, e no Nacional de Poesía (1077-2008) dúas». Parece evidente que esta proporción de premiadas non se corresponde nin co número nin co mérito das mulleres que publican libros en España dende a segunda metade do século XX, senón que obedece a un desprezo do valor intelectual das mulleres moi arraigado na nosa sociedade.

Na primeira novela de serie Millennium de Stieg Larsson, o autor dá os seguintes datos estatísticos: o 18% das mulleres de Suecia foron ameazadas nalgunha ocasión por un home. O 46% sufriron violencia por parte dalgún home. O 13% foron vítimas dunha violencia sexual extrema fora do ámbito das súas relacións sexuais. O 92% das mulleres que sufriron abusos sexuais na última agresión non o denunciaron á policía.

En España non temos unha estatística que permita a comparación, pero á vista das mulleres asasinadas a mans das súas parellas podemos deducir que o grao de violencia que se exerce sobre elas non é menor que no país nórdico.

Coido que desprezo e violencia están intimamente relacionados. A protección ás mulleres ameazadas e o castigo severo ao maltratador ou asasino son parches para un fondo problema que só pode resolver unha continuada campaña en pro da igualdade, unha educación dende os primeiros anos de vida na que se eliminen todos os elementos que aínda hoxe discriminan ás mulleres.

Porteadoras de vida

Na última reunión do G-8, que tivo lugar na cidade italiana de L’Aquila, dedicouse especial atención ao problema da fame no mundo e decidiron ampliar de quince a vinte mil millóns de dólares a axuda para a seguridade alimentaria dos países pobres. Trátase de incrementar a inversión en agricultura e falaron de que unha parte deses cartos estaría dedicada a facilitar o acceso a auga potable e de rego.

Non se referiron de forma explícita ás mulleres, pero hai que supoñer que esa axuda beneficiará tamén a un colectivo que sofre de forma especial a escaseza de ese elemento que os países ricos dilapidan.

En moitas comunidades son as nenas e as mulleres novas as que se encargan da provisión de auga. Impresionan e avergoñan as reportaxes nas que se ve a nenas e mulleres que agardan pacientemente a súa quenda, cargan con enormes cántaras e fan un longo camiño a pe ata a súa aldea. Alí descargan, volven á fonte e recomezan unha vez e outra o mesmo labor ao longo de todo o día.

É un paradoxo cruel que ese traballo, fundamental na comunidade á que pertencen, sexa para elas unha condena a perpetuidade á condición infrahumana de animais de carga: seres sen instrución e sen ningunha posibilidade de saír de tal situación.

Sería desexable que a axuda do G-8 fixera unha mención a estas mulleres, á necesidade de dignificar a súa condición, e lles ofrecese as oportunidades que, como seres racionais, merecen estas porteadoras de auga, estas sacrificadas e indefensas porteadoras de vida.

A ver que di o home

Pasou en Baena, pero puido pasar en calquera sitio: unha adolescente de trece anos foi violada por seis rapaces, algúns menores de idade. A nena coñecía a un deles, que a invitou a acompañalo, levouna con outros cinco amigos a un patio común dun bloque de edificios e alí ameazárona, se non accedía aos seus desexos, con difundir un vídeo no que mantiña relacións íntimas cun dos rapaces. Hai un detalle que fai este suceso, se cabe, máis triste: como estaban a plena luz, ás cinco da tarde e nun patio comunal, a agresión foi vista por unha veciña, que agardou cinco horas a que o seu home volvese á casa para contarlle o ocorrido. E só despois de falar con el chamou á policía para informar do ocorrido. Pregúntome cal é o mecanismo psicolóxico polo que unha muller agarda cinco horas e necesita consultar, ou quizá pedir permiso, ao seu marido para proporcionar axuda á rapaza informando á policía do que está vendo. ¿Que temía? ¿Verse envolta nalgún proceso xudicial? ¿Non estaba segura de se se trataba dunha agresión? ¿A súa indecisión era temor á policía ou á reacción do seu marido ante unha decisión que non lle fora consultada? Polo visto, no noso país aínda hai mulleres que necesitan pedir permiso cando no deberían facelo.

Primeiras damas

Apresenza de Carla Bruni na visita a Madrid do presidente Sarkozy levantou múltiples e variados comentarios. Algúns lembráronse da broma de Kennedy cando visitou París: «Eu son o tipo que acompaña a Jackie Kennedy». Uns destacaron que o charme de Carla Bruni fixo pasar a segundo plano a opinión de Sarkozy de que «quizá Zapatero non sexa moi intelixente». Outros criticaron que se dese máis información sobre os discretos tacóns da dama francesa e os «taconazos» de dona Letizia que sobre os asuntos serios que había que tratar. Non faltou quen veu en Carla Bruni «o maior logro político de Sarkozy», e polo contrario, tampouco faltou a crítica de carácter feminista que lamenta o «papel de floreiro» da primeira dama francesa.

A min, que defendo a igualdade social de homes e mulleres, non me parece mal que se preste atención ás primeiras damas, xa sexan ás que tiveron un papel importante na política como foi Hillary (que dabondo llo criticaron ) ou ás que se limitan a ser mulleres dos seus maridos e desempeñan con dignidade ese papel que as circunstancias lles asignaron. O único que se lles debe esixir ás primeiras damas é prudencia e honradez: que non metan a pata nin a man, que non deixen en mal lugar ao Estado que representan. Despois, que cada unha se desenvolva segundo o seu talento ou gusto. A razón oculta tras tantos comentarios sobre Carla Bruni coido que é a de sempre: que segue sen haber igualdade, que cando unha muller ocupa un posto de relevancia social, faga o que faga e sexa como sexa, convértese en obxecto de controversia e de curiosidade.

Acoso dixital

Cóntanme que rapazas novas que pretenden traballar como modelos ou azafatas de feiras están sufrindo acoso a través da web. Reciben correos de cazatalentos que sen ofrecer nada concreto fan alusión a traballos en eventos de prestixio como a Copa América ou a Pasarela Cibeles. As interesadas deben enviar fotos a unha dirección de correo electrónico.

Tras o primeiro envío, dinlles que superaron unha selección, pero deben enviar fotos con menos roupa. Tamén pode ser que lles propoñan ir directamente a un casting por webcam, ou sexa, a través da cámara que a rapaza ten conectada co ordenador á Internet. Aquí igualmente son animadas a poses provocativas.

As que pican sofren a partir dese momento un verdadeiro acoso: ou acceden ás demandas de imaxes cada vez máis comprometedoras ou son ameazadas con colgar na web as que xa teñen e ademais facelas chegar ás familias. É tan simple que sorprende que alguén poida caer na trampa, pero son moitas as vítimas, sempre moi novas, deste engano.

As recomendacións para evitalo son: nunca enviar nada a alguén que escribe desde correos gratuítos, tipo Hotmail o Gmail. Solicitar datos que se poidan comprobar da empresa para a que traballa o remitente e pedir explicacións claras do tipo de traballo (algúns acaban ofertando pornografía). En caso de dúbida, que sexa unha persoa adulta e responsable quen faga o papel de axente da modelo.

Como di a xente nova: «pásao». Nunca se sabe ata onde pode chegar un xornal, quen nos le e quen pode contarllo a quen non nos le, quizá a unha rapaciña que soña con ser modelo.

Nai de fillos

Unha muller nova retira a denuncia por agresións continuadas contra o seu marido. A xuíza sente unha vez máis a frustración de deixar sen castigo un delito que volverá con seguridade a repetirse. Polos xulgados móvese unha xornalista facendo preguntas. A vítima dos malos tratos non quere falar, pero o fai súa nai, unha muller aínda nova, hispanoamericana. Di que tamén ten fillos varóns e que non quere velos na situación dos condenados por maltrato. E conclúe: «Convencín á miña filla para que retirase a denuncia». Falaba con seguridade, sen sentir vergonza da súa actitude, convencida de estar a facer o que debía.

Falo do asunto coa miña amiga xuíza. Dime que non é un caso illado nin raro. Coido que detrás desa actitude hai unha longa tradición de resignación das mulleres ante o sufrimento. Cando algunha pretendía separarse dun mal marido, a Igrexa, a través da voz dos confesores, procuraba e conseguía case sempre convencer á muller de que non rompese o matrimonio. Esa era tamén a actitude de moitas familias: unha filla separada era unha desgraza máis grande que unha filla infeliz e ata maltratada.

A sociedade apoiaba estas actitudes gabando á muller que levaba en silencio a súa desgraza e ollando con desconfianza non xa á que denunciaba, que iso era cousa impensable, senón á que quería poñer remedio á súa tortura mediante a separación que as leis civís e eclesiásticas permitían en teoría, pero que raramente se levaba a cabo. Eu cría que isto era xa historia pasada, pero parece que non; que é aínda -¿ata cando?-un triste e interminable presente.

O prezo da liberdade

Nos balances de fin de ano, bos e malos resultados altérnanse e case que se compensan: o peor ano da Bolsa, o mellor nos deportes; menos coches vendidos, menos mortos en accidentes de tráfico… Pero hai unha cifra que ano tras ano se mantén ou se incrementa: as mortes de mulleres por violencia doméstica.

Esa violencia sempre a houbo. Era menos visible porque as vítimas, ao non existir posibilidade de escape, sufrían en silencio. Dende o momento en que as mulleres foron adquirindo autonomía e se foron emancipando, comezou a reacción masculina de non deixarse arrebatar as posesións propias ou de dispoñer delas á súa conveniencia. O home que mata á súa parella móvese polas mesmas crenzas que o levan a agredir ao veciño que lle rouba a froita ou a matar ao can que xa non serve para a caza. Esta idea plásmase no dito «mateina porque era miña», ao fondo do cal está o absoluto convencemento de que a muller é unha posesión do varón. Desarraigar esa idea é cuestión de tempo, de xeracións educadas na igualdade, cousa que de momento é utópica. Moito despois de que en Estados Unidos se abolise a escravitude, os negros seguían discriminados e eran vítimas de todo tipo de ataques. O mesmo sucede coas mulleres.

As mortes por violencia doméstica son o prezo da liberdade feminina, un prezo demasiado caro que por desgraza seguiremos a pagar. Todo que se faga por castigar aos maltratadores contribuirá a reducilo. Oxalá cheguemos a ver unha era Obama para as mulleres. Son os meus votos para o novo ano cos meus mellores desexos para os lectores de La Voz de Galicia.