Archivo de la etiqueta: maltrato

Lei contra sentido común

Todo o que se vai sabendo sobre o caso da nai que foi condenada por darlle unha labazada ao fillo de 12 anos aumenta a sensación de desatino. A sentencia condena á nai a deixar de ver ao neno durante 410 días. O fiscal partiu do feito de que o rapaz sufría malos tratos continuados, suposto que procedía do titor escolar, quen no xuízo negou telo dito. A familia é modesta, os dous proxenitores son xordos, teñen dous fillos, e unha nai con alzhéimer. O que recibiu a labazada é un mal estudante e rebelde: tiroulle unha zapatilla á súa nai e pechouse na cuarto de baño para non ir ao colexio, pero di que a quere moito e que non quere separarse dela. Todo isto debuxa a situación dunha boa muller abrumada polas dificultades que nun intre dado perde os nervios e maltrata ao fillo. A solución non parece que sexa apartala del. ¿Que beneficios poden derivarse desa sentencia? ¿Quen se vai encargar da enferma, dos fillos e da casa? A nai terá que pagar vivenda e mantenza fóra. ¿Como van asumir ese gasto?

A directora do colexio di que o rapaz agora séntese «o rei do mambo» e advirte de que iso vai prexudicalo. Se a sentencia se executa, comezará a sentirse culpable do desastre familiar porque parece claro que é a nai quen carga cos problemas de todos eles.

En vez de condenar, o que hai que facer é axudar a resolver as dificultades, proporcionar apoio material e psicolóxico a esa parella que padece unha deficiencia física e que ten ao seu cargo a unha enferma de alzhéimer, ademais dun neno rebelde. Menos apegarse á letra da lei e máis solidariedade e sentido común.

Unha belísima persoa

Esa foi a expresión que utilizou unha maltratada para defender ao seu maltratador: «É unha belísima persoa». As circunstancias especiais deste caso danlle a esa frase un carácter que pode parecer cínico ou surrealista. A muller foi obxecto de malos tratos na vía pública e un profesor universitario que pasaba por alí defendeuna. Pouco despois o maltratador arremeteu contra el de maneira tan brutal que lle provocou un coma que pode acabar coa súa vida. A denuncia da muller do profesor puxo en marcha o mecanismo da Xustiza. Por fin detivérono e descúbrese que, malia a que a súa parella actual non o denunciara, o tipo ten antecedentes policiais como maltratador e drogadicto. É acusado de tentativa de homicidio contra o profesor, e entón a muller, suposta vítima, sae dicindo que non a estaba maltratando, que o perdoen, que a estaba reprendendo porque ela non tomara uns medicamentos que tiña que tomar.

A primeira reacción será pensar que hai mulleres que merecen o maltrato que reciben. E, nembargante, o máis seguro é que sexa unha vítima que padece unha variante do síndrome de Estocolmo, que leva aos secuestrados a xustificar aos seus secuestradores. Pode que haxa tamén medo ás represalias, pero é posible que se trate sobre todo dunha dependencia psicolóxica que se dá nalgunhas mulleres e que as leva a sentir que, pase o que pase, aquel é «o seu home» e elas deben poñerse sempre da súa parte. O que se agocha no fondo desa dependencia é moi complexo para analizalo neste pequeno comentario. O que quero resaltar e que, malia as aparencias, esa muller é unha vítima e como tal debería ser tratada.