Archivo de la etiqueta: malos tratos

O amor da súa vida

Ocorreu en Pontevedra , pero feitos similares ocorren por onde queira: cinco días antes de morrer asasinada pola súa parella, a vítima suplicoulle ao director do cárcere onde o tipo cumpría condena por maltrato continuado á súa muller e aos fillos, que lle concedese o terceiro grado. Unha xuíza coméntame que á gran maioría de mulleres que por diversos motivos -medo, vergonza…- non denuncian, hai que sumar as que desculpan ao maltratador e, cando a xustiza actúa, néganse a declarar contra el, e, se é condenado, solicitan visitas vis a vis. Dan sempre a mesma explicación: «É o amor da miña vida».

Trátase de situacións irracionais nas que se xuntan elementos diversos. Hai un compoñente sadomasoquista, porque malos tratos e etapas de lúa de mel sucédense uns a outros, en secuencias, iso si, cada vez máis breves. Outro elemento, frecuente na psicoloxía feminina, é o afán de redimir ao delincuente, sexa cal sexa o seu delito. No fondo está a idea de que elas poderán cambiar o que outras non puideron, porque elas quéreno máis. E tamén hai unha concepción do amor como destino fatal -frecuente na literatura do Romanticismo- que leva á muller a aceptar pasivamente o mal que dese amor se deriva.

Para estes casos hai poucas solucións. Necesítase un tratamento psicolóxico que desfaga as complexas ataduras que atenazan á vítima, pero previamente ela ten que desexar liberarse, igual que un drogadicto ten que querer deixar a droga. Mentres a muller non dea ese paso cara á súa liberación seguiremos a ver vítimas asasinadas polo amor da súa vida.

Anuncios