Archivo de la etiqueta: lectura

Biblioterapia para o verán

Nestes tempo de vacacións convén recordar que a lectura é unha das actividades que producen endorfinas e axudan a loitar contra o tedio, o estrés e din que tamén contra a dor. Así que é unha boa idea facer provisión de libros porque (convén tamén recordar) é despois das vacacións cando se producen maior número de casos de depresión e de peticións de divorcio.

A xente ten a idea de que os beneficios da lectura son exclusivamente espirituais ou mesmo culturais, ou que é un maneira inofensiva e barata de pasar o tempo. Pero hoxe sabemos que ler favorece incluso unha resposta inmunitaria a moitas doenzas, sempre que a lectura sexa un pracer, claro. As lecturas impostas, vividas como unha obriga por tantos estudantes, son outra fonte de estrés. Pero cando un lle colle gusto a un libro, comeza a producir endorfinas, e esta curiosa hormona favorece a resposta inmunitaria e aumenta as defensas contra a enfermidade.

Galicia é pioneira na aplicación desta teoría. En Santiago, no Policlínico da Rosaleda, están levando á práctica un proxecto chamado Literapia , no que participan médicos, profesores e escritores, e no que se utiliza a lectura como instrumento curativo non só para doenzas psicolóxicas senón para aliviar a dor física. Nel participan dous colegas meus, ben coñecidos no mundo da cultura: Blanca Roig e Darío Villanueva. Á vista disto, coido que meter na maleta do verán uns cantos libros pode aliviar moitos males presentes e futuros. Eu xa teño preparado un bo montón deles.

Anuncios