Archivo de la etiqueta: estudantes

Mal de escola

O libro de Daniel Pennac, traducido recentemente ao castelán como Mal de escuela , debería ser de lectura obrigatoria para profesores, estudantes que aspiren á docencia , familias con fillos en idade escolar, políticos preocupados pola mala situación da educación, psicólogos, adolescentes que se consideren nulidades, e, en xeral, para calquera persoa a quen lle interesen as posibilidades que ofrece o ensino para mellorar a vida dos individuos e, ao longo, a vida social. Ou sexa, practicamente debería lelo todo o mundo.

Deixo á parte o valor literario da obra e a consideración de se é ou non unha novela. Estou a falar do libro como dun documento de evidente valor sociolóxico.

Daniel Pennac foi un estudante moi malo, o que se chama un burricán, un rapaz que colectaba ceros mes tras mes, que inspiraba tal preocupación aos seus pais sobre as súas posibilidades que lles fixeron prometer aos irmáns que se ocuparían del cando eles faltasen; como se fose un eivado total. Finalmente, e grazas a catro profesores (só catro de todos os que tivo na súa longa vida de mal estudante), conseguiu rematar o bacharelato e despois a licenciatura. Fíxose profesor, e con sesenta anos cumpridos decidiu escribir a súa experiencia.

O libro conta o sufrimento dun «parvo», dun estudante que non comprende, pero ademais conta os esforzos dun bo profesor para facer da escola un mundo positivo. Está cheo de suxestións, de exemplos, ata de trucos para facer da clase un espazo atractivo e para ensanchar o horizonte dos estudantes. E ademais é divertido. Non se arrepentirán se o len.

Anuncios