Archivo de la etiqueta: Estados Unidos

¿Por que Barack Obama?

As miñas amigas feministas opinan que os norteamericanos prefiren a Obama porque é home. Queren dicir que o prexuízo contra as mulleres é máis forte que contra os negros. Pero a min paréceme que hai unha razón máis fonda da que ninguén fala, porque é unha desas que se agochan no recuncho da psique onde van dar os sentimentos de culpa non asumidos. Os Estados Unidos teñen unha débeda cos negros, como a teñen os alemáns cos xudeus. E quizá pensan que é chegado o momento de pagala.

Moitos americanos e moitos alemáns avergónzanse do trato que no pasado inflixiron a unhas persoas que eran cidadáns do seu país. Os xudeus ben que llelo refregan polos fociños aos alemáns. Pero os negros americanos seguen sen pasar a factura que lles deben.

A discriminación racial en EE.?UU. non foi un feito puntual na súa historia, senón que se prolongou ao longo de mais dun século. Abolida a escravitude en 1865 e igualados por lei cos cidadáns de orixe anglosaxona, os negros seguiron a ser obxecto de discriminacións e inxustizas sen conto, que se prolongan ata hoxe mesmo. Nunha das miñas viaxes a EE.?UU., un tipo, para animarme a visitar a súa universidade, díxome que estaba nunha cidade «moi limpa, sen negros». Un alumno negro aseguroume que aínda hai xente que cambia de beirarrúa cando se decata da súa presenza.

Quizá o Yes, we can de Barack Obama sexa no fondo o soño de Martin Luther King. Moita xente nova está da súa parte. É moi posible que non estean discriminando a unha muller senón reparando unha inxustiza histórica.