Archivo de la etiqueta: dereitos

A mirada do asasino

Xa coñecen o caso: na primeira páxina dun xornal de Madrid apareceu a foto do presunto maltratador e homicida dunha nena de tres anos con este titular: «A mirada do asasino». As fotos poden ser terribles e esta érao. En verdade un non querería atoparme con aquel individuo nunha rúa solitaria. Despois resultou que o retratado era inocente dos crimes que se lle atribuían. Ante iso hai que preguntarse ata qué punto o aspecto dunha persoa, e os prexuízos que temos ante determinados aspectos, condicionaron este triste caso.

Cando o rapaz levou a nena ao médico, non lle deixaron pasar con ela. ¿Que viu o médico nel que xa de entrada o levou a desconfiar? É evidente que houbo por parte do facultativo un prexuízo que provocou erros graves ao analizar as lesións da nena, pero ¿por que ese prexuízo? ¿Foi a súa maneira de falar? ¿Parecía drogado?

Nunha entrevista por radio, que deu unha vez posto en liberdade, case non se lle entende o que di. Os xornalistas din que «evidentemente» estaba baixo o efecto de sedantes. ¿Non podería ser que se expresa con dificultade? Sempre segundo os xornais , unha vez detido, «o único» que negou foi as agresións sexuais. ¿Por que non transcenderon outras declaracións de inocencia, se é que as houbo? ¿Ou é que, abafado polas acusacións, non acertou a defenderse? ¿E por que non dan explicacións os sucesivos médicos que atenderon á pequena?

Dona Emilia Pardo Bazán, que comentaba moitos crimes na súa columna de La vida contemporánea , diría que neste caso hai moitos puntos escuros.

A Renfe en Galicia

De Madrid a Alacante hai oito trens diarios. A Vigo ou á Coruña hai un de día e outro nocturno. Os viaxeiros a Alacante en clase preferente reciben nas tres horas e media da viaxe prensa, bebidas, caramelos, froitos secos, e, segundo o horario, almorzo, comida, merenda ou cea. Nas oito horas longas da viaxe a Galicia os sufridos viaxeiros non reciben nin un xornal nin un triste cacahuete.

O venres pasado fixen un ida e volta Vigo-Santiago. Xa co tren en marcha o revisor dime que aquel vagón é o cinco e que eu debía estar no primeiro. Estou segura de ter subido ao vagón un: a explicación é que os números cambiaron porque se engadira «outra unidade». Polo interior do tren non se pode acceder ao vagón cambiado, así que en Pontevedra corro polo andén buscando uns números inexistentes. Subín onde me pareceu e, como moita xente nas mesmas circunstancias, busquei o meu asento e desaloxei a un viaxeiro, que, á súa vez, non puido ir ao seu vagón ata chegar á próxima estación.

Á volta, a estación de Santiago está ateigada de estudantes. Os billetes non teñen número de vagón nin asento: asalto ao tren, carreiras, moita xente de pé ou sentada no chan. Din os estudantes que iso sucede todos os venres e domingos. ¿Por que non poñen máis vagóns eses días? O revisor contesta en castelán ás miñas preguntas e obxeccións: di que non é rendible para Renfe e remata preguntándome se nunca viaxei en metro.

Supoño que esa maneira de transportar xente será legal, pero dende logo non é xusta para os galegos nin é a imaxe que Galicia debe ofrecer ao resto do mundo.