El manda, ela solicita

Pode que vostedes se teñan decatado xa do asunto, pero eu só me decatei cando mo fixo notar un lector indignado: a pervivencia de tópicos machistas na publicidade dun perfume dun coñecido modisto. O nome do perfume alude ao diñeiro, ao poder, e ten dúas versións: a masculina e a feminina. No anuncio do perfume para homes vese a un tipo novo, guapo, vestido como para unha festa pero desgrabatado, o pelo caéndolle sobre dos ollos, as pernas abertas e ben plantadas no chan. A súa expresión é malhumorada, autoritaria, e fai coa man un xesto imperativo de chamada deses que significan «eiquí, agora, cando me dá a min a gana e como eu quero». Un dos slogans que acompañan á imaxe é: «O perfume da masculinidade».

Na versión feminina hai unha muller nova, cun corpo espectacular xenerosamente mostrado por un vestido de festa con moi pouca tea. A muller sorrí, sedutora, e o xesto da súa man é de chamada, pero non imperioso. Ou sexa e resumindo: os dous son ricos, guapos e novos; el manda, ordena; ela atrae, solicita.

A publicidade é hoxe parte inseparable da nosa vida cotiá, condiciona a nosa conduta e os nosos comportamentos sociais. Imaxes como as que estou a comentar manteñen vivas posturas e crenzas que xa non deberían existir nos nosos días: ao home abóndalle con esixir, que para iso é home; mentres que a muller debe utilizar a man esquerda ou seducir para conseguir o que quere. Confiemos en que haxa moitos homes como o meu lector que non pensan así e que ademais o denuncian. Agradézolle o seu toque de atención e, como din os rapaces novos, «¡pásao!».

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s