Non pagar é roubar

Roubar é apropiarse do alleo sen consentimento, de calquera modo que se faga. Pero a maioría dos cidadáns do noso pais consideran que só é roubo se hai violencia. De aí o fracaso da lei Sinde.

Unha das cousas que a min me sorprenderon cando empecei a ver mundo foi que houbese postos de xornais na rúa sen vixiante e que a xente depositase o importe nun furado que había no aparello. E tamén que os meus compañeiros universitarios arramplasen con tarxetas postais, mapas e libros, en librerías e museos, sen pagar, roubándoos con gran habilidade e ledicia. Aínda hoxe me sorprende que os donos dunha tenda de roupa en Alemaña a deixen aberta cun letreiro de «Vou tomar un café. Volvo enseguida». Aquí á volta atoparían baleiras as perchas.

Algunhas axencias estranxeiras advirten aos seus clientes que somos un país de ladróns, e non só polo tirón aos bolsos. Aquí moitos cidadáns pensan que non pagar non é un roubo. Se poden coarse no autobús ou no metro, ou no tren, ou nun espectáculo, non pagan. E se lles devolven de máis nun cambio, non advirten do erro. E se atopan un obxecto esquecido nunha estación, nun cine, nun restaurante, nun taxi, apodéranse del e non o entregan para que o dono poida recuperalo.

Convencer a esta xente de que hai que pagar por descargar música, películas ou libros de Internet é tarefa imposible. Unha colega díxome que estaba contenta do fracaso da lei, porque, aínda que é autora, prefire poder descargar gratis todo o que lle dá a gana. «Saio ganando», dixo. Pois, postos a roubar, eu prefiro a Luís Candelas.

Deja un comentario