Adiós, marito

Este verán Hilda viu o mar por primeira vez, aos cincuenta e pico de anos. Por primeira e, case seguro, por única vez na súa vida.

É paraguaia, de terras do interior do país, o mar queda demasiado lonxe para unha familia modesta, segundo nos explicou. Ela veu traballar a España, no servizo doméstico, hai uns cantos anos, e agora está xa preto de regresar. Este verán pasou unha semana coa miña familia na praia, axudando na casa.

O mar só o coñecía pola televisión. Daba gusto vela desfrutar del, ríndose igual que os nenos cando as olas a enchían de espuma e de area, porque non saía da orela, aínda que, segundo dixo, sabía nadar. Pediunos que lle fixésemos fotos, para poder ensinalas no seu país: «Senón non mo van crer», dixo.

O último día antes de deixar a praia volveuse cara o mar e díxolle sorrindo : «Adiós, marito».

Eu tamén me despido do mar no último baño do verán, aínda que varias veces volvo ata el ao longo do ano. E despídome sempre con melancolía, cunha certa tristura que non son quen de evitar. Penso que sabe Deus se estarei alí outro verán e nas cousas que poden pasar en todo un ano, ningunha boa, por suposto, e no tempo que se vai e non volve, e todo iso; ou sexa, que saio da auga como dun funeral.

Hilda foise sorrindo, contenta e conforme coa oportunidade que a vida lle brindou, desfrutando da súa nova experiencia, satisfeita de que quedase constancia dela nunhas fotos. Despediuse do mar como dun amigo, agradecida da súa presenza e da súa lembranza.

Vela e escoitala foi para min unha lección de vida que non esquecerei.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s