Condenada por defenderse

Hai sentenzas que a cidadanía considera fondamente inxustas, aínda que teñan fundamentos legais. Trátase de casos nos que unha persoa é atacada no seu domicilio ou no seu negocio e ao repeler a agresión mata ou fere gravemente ao atacante. Con frecuencia o atacado é acusado de homicidio e pasa de vítima a agresor.

Tal é o caso ocorrido en Santander. Unha muller foi agredida na casa pola súa parella, que tiña orde de arredamento e unha condena previa. El rompeulle os ósos do nariz e ela colleu un coitelo na cociña e cravoullo no peito. A Audiencia de Cantabria condenouna a dezaseis meses de cadea por homicidio en grao de tentativa, mentres que a el só o condenou a once meses. O xuíz admitiu que a muller actuou en defensa propia, pero considerou que debería usar calquera outro «obxecto contundente», e ferilo, non no peito, senón nos brazos ou pernas.

Eu pregúntome se baixo os efectos do medo e da dor provocada por golpes que lle rompen os ósos do nariz, unha muller está en condicións de elixir a arma defensiva e a parte do corpo do agresor na que debe ferir. Se llo cravase nunha perna ou nun brazo o mais seguro é que, dada a diferenza de forzas físicas, a estas horas a muller estivese morta porque o golpe só serviría para enfurecer máis o agresor, que, por certo, salvou a vida porque a muller chamou inmediatamente a unha ambulancia e á policía.

Con sentenzas desde tipo, as mulleres maltratadas deberán buscar protección non só contra os maltratadores senón contra certa clase de xuíces.

Deja un comentario