Vida vexetativa

Morreu Eluana, a rapaza que estivo dezasete anos en vida vexetativa. Acórdome moito dela. Estou preparando as xardineiras para poñer plantas novas: hai que arrincar as que matou a xeada, airear a terra, abonala… Meu pai, que era home de campo, díxome un día de febreiro: «Non as arrinques aínda, corta as follas preto da raíz, e agarda; as veces agroman».

Ás veces tamén as persoas en coma profundo recobran a conciencia. Milagre ou feito natural, o caso é que volven á vida consciente. Mentres, son só un rostro que se pode bicar, un corpo que se pode agarimar e ao que se lle pode falar, pero que non responde, e, ao parecer, non sente.

Din que ás plantas é bo falarlles, medran mellor, póñense máis fermosas. Eu corto as follas xeadas dunha violeta africana como meu pai me dixo, bótolle terra nova, un pouco de abono e dígolle que se anime, que xa vai vir o bo tempo.

O pai de Eluana non quixo que ela seguise a vivir coma unha planta. Os médicos cortáronlle a alimentación, dixeron que tardaría en morrer doce días, pero morreu en dous. Quizá lle deron algo para que morrese axiña. Pero quizá Eluana percibiu que xa non querían falar con ela. ¡É tan pouco o que sabemos desas fronteiras entre o ser e o non ser!

Meu pai, castelán de Toledo, dicía: «En febrero sube la savia al madero», pero un día de febreiro díxome que non arrincara ata a primavera as plantas que parecían mortas. E eu agardo. Lémbrome del, que morreu hai un ano, aínda con dor. E lémbrome da terrible traxedia dese outro pai que decidiu que a súa filla morrese; dese pai que renunciou para sempre á esperanza.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s