Ocorreu en Pontevedra , pero feitos similares ocorren por onde queira: cinco días antes de morrer asasinada pola súa parella, a vítima suplicoulle ao director do cárcere onde o tipo cumpría condena por maltrato continuado á súa muller e aos fillos, que lle concedese o terceiro grado. Unha xuíza coméntame que á gran maioría de mulleres que por diversos motivos -medo, vergonza…- non denuncian, hai que sumar as que desculpan ao maltratador e, cando a xustiza actúa, néganse a declarar contra el, e, se é condenado, solicitan visitas vis a vis. Dan sempre a mesma explicación: «É o amor da miña vida».
Trátase de situacións irracionais nas que se xuntan elementos diversos. Hai un compoñente sadomasoquista, porque malos tratos e etapas de lúa de mel sucédense uns a outros, en secuencias, iso si, cada vez máis breves. Outro elemento, frecuente na psicoloxía feminina, é o afán de redimir ao delincuente, sexa cal sexa o seu delito. No fondo está a idea de que elas poderán cambiar o que outras non puideron, porque elas quéreno máis. E tamén hai unha concepción do amor como destino fatal -frecuente na literatura do Romanticismo- que leva á muller a aceptar pasivamente o mal que dese amor se deriva.
Para estes casos hai poucas solucións. Necesítase un tratamento psicolóxico que desfaga as complexas ataduras que atenazan á vítima, pero previamente ela ten que desexar liberarse, igual que un drogadicto ten que querer deixar a droga. Mentres a muller non dea ese paso cara á súa liberación seguiremos a ver vítimas asasinadas polo amor da súa vida.
Categorías: Galego
Etiquetado: malos tratos, maltratado, vítimas
Din que posiblemente ETA estea preparando un gran atentado en Madrid, porque é un bo escenario para mostrar o seu poder. Os que vivimos en Madrid xa estamos afeitos a ser vítimas posibles, padecemos psicoses de terrorismo. Eu, cando vexo pasar dous coches do Samur, non penso nun accidente de tráfico senón nunha bomba, e se hai un apagón de luz o mesmo, e se oio unha sirena da policía non penso nun roubo, senón nun atentado. Isto provoca medo e cambios nos hábitos da xente: ¿A Volta a España remata na Castellana?, pois mellor facer footing por Padre Damián ou por Capitán Haya.
Eu vivín en Lesington e en San Francisco o medo e o desconcerto dos norteamericanos tras os atentados do 11-S: profesores cancelaron en masa a súa intervención en congresos; os restaurantes estaban baleiros e sobraban entradas para calquera espectáculo. Miles de kilómetros afastábanos do lugar dos atentados, pero o medo extendeuse como unha nube velenosa.
Os estudiantes ollaban para min como para unha heroína polo simple feito de seguir cumprindo os meus compromisos. E pedíanme consello: ¿que podemos facer, como debemos actuar fronte ao terrorismo? Eu respondín coa que foi a miña norma en tantos anos de convivencia con esa lacra: facendo a vida normal.
O medo que nos leva a pecharnos na casa, a intentar evitar o lugar onde pode estalar o coche bomba, é un triunfo para os terroristas, o primeiro paso que leva a aceptar «o que sexa» con tal de que non sigan matando. Pero o terrorismo é unha cadea sen fin. A contribución dos cidadáns á loita antiterrorista pasa por aguantar o medo e aceptar o papel de vítimas posibles.
Categorías: Galego
Etiquetado: terrorismo, vítimas