Artículos de Marina Mayoral

Entradas etiquetadas como as ‘sexualidade’

Sexo fácil e barato

Abril 21, 2009 · Dejar un comentario

Nunha reportaxe de televisión afirmábase que as visitas de mozos aos prostíbulos aumentou tanto nos últimos anos que xa se consideran «o ocio do século XXI». A entrevistadora preguntáballes a dous mozos de 22 e 25 anos ás portas dun macroprostíbulo, disimulado baixo a forma dun bar de copas, porque non ían a un bar «normal». A resposta foi clara: alí había «chicas guapas», nun bar tiñan que buscar, invitar toda a noite, resultaba máis caro e non había a seguridade de «pillar». Á pregunta de se pensaban na situación daquelas mulleres, un respondeu: «Eu non penso niso». O outro deu esta misteriosa resposta: «O que eu non quero é que cos meus cartos se faga proselitismo». A saber que quixo dicir e que entende por proselitismo o bo do mozo.

As prostitutas mostraron a outra cara deste fenómeno. Unha manifestou ás claras o seu descontento cun ton irritado: «Pensan que porque pagan son súa e que poden facer o que lles dá a gana». Noutra ocasión eu oínlle dicir a unha prostituta que de todos os clientes, os vellos son os mellores, porque son os máis amables e «considerados». Os novos representan pois o outro extremo desta explotación: os que lle queren sacar co menor esforzo o máximo rendemento aos seus cartos. Así as cousas, convén estender a loita contra esta escravitude da nosa época ata a escola. Quizá se de nenos alguén lles explicase a estes mozos o que significa a prostitución (e de paso o proselitismo), o que hai nela de explotación e de inxustiza, hoxe non estarían ás portas dun prostíbulo dispostos a mercar sexo fácil e barato.

Categorías: Galego
Etiquetado: ,

Preservativos na escola

Enero 22, 2009 · Dejar un comentario

A distribución de preservativos nos centros de ensino enfronta a colectivos de moi diferentes ideoloxías. En xeral, os católicos ven esa campaña como un elemento de laicización e unha incitación á practica do sexo prematrimonial, por tanto, algo censurable. Para outros é só un medio de evitar males como o embarazo das adolescentes. Ao fondo está unha diferente concepción da sexualidade, que leva a posturas irredutibles.

Os adolescentes son bombas ambulantes de hormonas sexuais e calquera cousa pode converterse nun estímulo á práctica do sexo, pero hai que considerar que o acceso aos preservativos non é un estímulo maior que o que reciben da publicidade, do cine, das revistas… Vivimos inmersos en estímulos sexuais e os adolescentes son, por natureza, pola súa potencia vital, máis proclives que os adultos a levalos á práctica.

Hai unha realidade ante a que non podemos pechar os ollos, e é que moitos adolescente practican sexo, mesmo os fillos desas familias que se negan a admitilo. É probable que os preservativos ao alcance da man animen a algún a usalos, pero o normal é que quen non quere sexo non vai cambiar de idea porque lle dean un preservativo. E os que de todas as maneiras o practicarían, é mellor que o fagan con preservativo. As estatísticas demostran que moitos adolescentes practican sexo sen precaucións, deixándose levar por «unha ocasión». Os que non ven máis que males nesta campaña deberían pensar que un «pecado» arránxase con arrepentimento e cinco Pais Nosos, pero a esas idades un embarazo non desexado complica para sempre a vida de quen o padece.

Categorías: Galego
Etiquetado: , ,