Artículos de Marina Mayoral

Entradas etiquetadas como as ‘prostitución’

Veciños de prostitutas

Septiembre 15, 2009 · 2 comentarios

Aos veciños do Raval en Barcelona moléstaos a presenza das prostitutas. Tamén lles molestan aos do centro de Madrid, e podemos xeneralizar e dicir que ninguén quere ver prostitutas no seu barrio. Non están en contra da prostitución, iso non; cada un que faga o que queira, somos un país democrático, hai liberdade; se queren ser prostitutas, alá elas, pero que non se me planten na miña rúa a facer esas porcalladas, que as leven ás aforas, ou que estean pechadas en prostíbulos; o que sexa, pero na rúa, na miña rúa, non.

A moita xente, a eses mesmos que protestan pola presenza das prostitutas no seu barrio, non lles parece mal que haxa mulleres que teñan que vender o seu corpo para sobrevivir (só un 5%, segundo as enquisas, a practica voluntariamente) e homes que se aproveitan desa necesidade para satisfacer a baixo custo os seus desexos, ás veces os máis repugnantes. Iso tenos sen coidado; o que non aturan é que o ambiente sórdido, no que elas inevitablemente viven, os roce; non queren ser veciños de prostitutas.

Esa sordidez é a realidade da prostitución. A solución non é pechalas nas aforas nin soñar con «prostíbulos autoxestionados». Unha prostituta será sempre unha muller marxinada e indefensa; unha vítima. A solución está en perseguir ás mafias que trafican con mulleres, en castigar ao prostituidor, en perseguir ao cliente e en buscar para esas mulleres un traballo digno. Pero nestes momentos de crise, iso é tamén unha utopía. O que van facer con esas mulleres é cambialas de sitio para evitar que a realidade lles entre polos ollos aos que non queren vela.

Categorías: Galego
Etiquetado:

Sexo fácil e barato

Abril 21, 2009 · Dejar un comentario

Nunha reportaxe de televisión afirmábase que as visitas de mozos aos prostíbulos aumentou tanto nos últimos anos que xa se consideran «o ocio do século XXI». A entrevistadora preguntáballes a dous mozos de 22 e 25 anos ás portas dun macroprostíbulo, disimulado baixo a forma dun bar de copas, porque non ían a un bar «normal». A resposta foi clara: alí había «chicas guapas», nun bar tiñan que buscar, invitar toda a noite, resultaba máis caro e non había a seguridade de «pillar». Á pregunta de se pensaban na situación daquelas mulleres, un respondeu: «Eu non penso niso». O outro deu esta misteriosa resposta: «O que eu non quero é que cos meus cartos se faga proselitismo». A saber que quixo dicir e que entende por proselitismo o bo do mozo.

As prostitutas mostraron a outra cara deste fenómeno. Unha manifestou ás claras o seu descontento cun ton irritado: «Pensan que porque pagan son súa e que poden facer o que lles dá a gana». Noutra ocasión eu oínlle dicir a unha prostituta que de todos os clientes, os vellos son os mellores, porque son os máis amables e «considerados». Os novos representan pois o outro extremo desta explotación: os que lle queren sacar co menor esforzo o máximo rendemento aos seus cartos. Así as cousas, convén estender a loita contra esta escravitude da nosa época ata a escola. Quizá se de nenos alguén lles explicase a estes mozos o que significa a prostitución (e de paso o proselitismo), o que hai nela de explotación e de inxustiza, hoxe non estarían ás portas dun prostíbulo dispostos a mercar sexo fácil e barato.

Categorías: Galego
Etiquetado: ,

¿Gustaríalle que o fixese a sua filla … ?

Junio 10, 2008 · 4 comentarios

Eso é o que deberían preguntarse todos os que , de boa fe, defenden a legalización da prostitución . Dos outros , dos propietarios de prostíbulos máis ou menos disfrazados de bares de copas , non falo, porque é evidente que están a defender os seus intereses nun negocio baseado na explotación, e non hai que darlles creto cando cantan as loubanzas da legalización do “oficio máis vello do mundo “.Pero hai moita xente que , de boa fe, pensa que legalizando se pode mellorar a situación desas mulleres que ofrecen o seu courpo a cambio de cartos.

O argumento máis utilizado polos que están a favor é que a erradicación é imposible . A prostitución existe dende sempre e seguirá existindo – din – mentres haxa homes e mulleres dispostos a conseguir favores sexuais a cambio de diñeiro ; e homes e mulleres dispostos a vender eses favores.  Diríase que esa disposición ó mercado carnal forma parte da nosa natureza , tan imposible parece para moitos eliminala . Pero é obvio que se trata dun feito non natural senón social , e polo tanto susceptible de ser eliminado das costumes civilizadas , como se eliminou a escravitude , a tortura legal , e tantas outras costumes e leis primitivas.

A escravitude é un bo exemplo , porque moitos espíritus compasivos intentaron no seu día mellorar a situación dos escravos, e de feito fixérono , pero tratouse sempre de componendas inútiles que no fondo non fixeron máis que tranquilizar as conciencias dos que escravizaban . O remedio só podía ser un : eliminar unha situación que ía en contra do dereito á propia vida e a propia liberdade . O argumento para mantela era similar ós que hoxe se utilizan para regular a prostitución : era unha necesitade social, existía dende sempre , evitaba males maiores ; e , ademáis , moitos escravos estaban contentos cos seus amos e a súa situación.

Categorías: Galego
Etiquetado: , ,

Puta diplomada

Mayo 21, 2008 · Dejar un comentario

 Falo sobre a legalización da prostitución con Ana Miguez, presidenta de Alecrín, unha das ONGs máis antigas de Galiza para a protección da muller . Decido facer de abogado do diaño e dígolle que mellor será legalizar que manter a situación actual .

Moi ben – di ela – Así terán  un carné de putas, e para toda a súa vida e para a vida dos seus fillos quedará constancia escrita de que súa nai, ou seu pai se adicaron a ese oficio . Mesmo podemos propoñer un doutaoramento ou unha diplomatura en puterío.

O do carné, penso eu, podería evitarse , pero é certo que, ó legalizar , quen se dedique nalgún momento da súa vida a exercer a prostitución quedará encasillado como tal para sempre en todos os documentos oficiais , dende a seguridade social á compra venta dun inmoble .

Admito que non é sinxelo atoparlle arreglo, pero , en todo caso, insisto, melloraría a situación de explotación e evitaríanse violencias .

Moi ben – di de novo Ana – Imos reglamentar os honorarios. A ver : ¿ canto debe pagar o tipo que quere mexar e cagar enriba dunha muller ? ¿ canto o que quere poñerlle pinzas nos pezóns ? ¿ qué pasa cos que queren facelo sen preservativo ? … Fala coas prostitutas e verás que eso é o pan de cada día . ¿Estamos dispostos a legalizar esas demandas ? , ¿ a ponerlle un prezo oficial á vexación , á humillación , á tortura desas mulleres ?

Non , non se pode . Pero , en todo caso, a legalización evitaría á explotación por parte dos chulos e proxenetas , estarían protexidas pola lei .

¿ Protexidas de que e de quen ? ¿como controlar o que pasa nuha habitación dun prostíbulo cando se pecha a porta ? O que entra alí non vai para facer o que pode facer fora sen pagar . Alí chega o mellor de cada casa : dexenerados, borrachos, sádicos, resentidos, ou simplemente tipos tan porcos que dan náuseas ; todos eles dispostos a amortizar o que lles costa dar renda solta ós seus instintos . ¿Que protección lle pode ofrecer á lei ante eses tipos a unha puta que, non nos enganemos , sempre será a marxinada nese suposto intercambio comercial ? Se lle dan unha labazada, ou unha patada no cu , se non lle pagan ,¿ a quen recurre, se non é o chulo de turno ?

Deixémonos de componendas . A solución é a mesma que a da escravitude : abolir esa lacra social ; o que implica poñer os medios para castigar á quen comercie con seres humáns e reinsertar ás víctimas . Deixei de facer de abogado do diaño . Alégroume non poder dicir como tantas veces “así é a vida” , porque neste caso a vida será como entre todos queramos que sexa. 

Categorías: Galego
Etiquetado: