Eso é o que deberían preguntarse todos os que , de boa fe, defenden a legalización da prostitución . Dos outros , dos propietarios de prostíbulos máis ou menos disfrazados de bares de copas , non falo, porque é evidente que están a defender os seus intereses nun negocio baseado na explotación, e non hai que darlles creto cando cantan as loubanzas da legalización do “oficio máis vello do mundo “.Pero hai moita xente que , de boa fe, pensa que legalizando se pode mellorar a situación desas mulleres que ofrecen o seu courpo a cambio de cartos.
O argumento máis utilizado polos que están a favor é que a erradicación é imposible . A prostitución existe dende sempre e seguirá existindo – din – mentres haxa homes e mulleres dispostos a conseguir favores sexuais a cambio de diñeiro ; e homes e mulleres dispostos a vender eses favores. Diríase que esa disposición ó mercado carnal forma parte da nosa natureza , tan imposible parece para moitos eliminala . Pero é obvio que se trata dun feito non natural senón social , e polo tanto susceptible de ser eliminado das costumes civilizadas , como se eliminou a escravitude , a tortura legal , e tantas outras costumes e leis primitivas.
A escravitude é un bo exemplo , porque moitos espíritus compasivos intentaron no seu día mellorar a situación dos escravos, e de feito fixérono , pero tratouse sempre de componendas inútiles que no fondo non fixeron máis que tranquilizar as conciencias dos que escravizaban . O remedio só podía ser un : eliminar unha situación que ía en contra do dereito á propia vida e a propia liberdade . O argumento para mantela era similar ós que hoxe se utilizan para regular a prostitución : era unha necesitade social, existía dende sempre , evitaba males maiores ; e , ademáis , moitos escravos estaban contentos cos seus amos e a súa situación.
