Entradas etiquetadas como as ‘crise’
Cóntame unha amiga do mundo da moda que en Los Ángeles, en rúas como Rodeo Drive, ou en Nova York pola Quinta Avenida, vense paseantes que levan as súas compras en bolsas totalmente brancas: nin logotipos, nin nomes da tenda, nin signo algún que permita identificar o lugar do que procede o que veñen de mercar. As tendas máis exclusivas están substituíndo as súas fermosas e inconfundibles bolsas por outras digamos anónimas. O fenómeno debe de gardar relación coa actual crise económica, pero non parece que obedeza a un desexo de aforrar gastos. As bolsas son, coma o coche, un signo externo de posición económica. Non sempre quen leva unha bolsa dun establecemento de luxo ven de mercar nel , e mesmo é posible que nunca teña postos os pés en tal lugar, pero o feito de utilizar ese obxecto para transportar os seus enseres é significativo. Prodúcese sempre certa identificación entre a persoa e a bolsa (ou o bolso) que se leva nas mans.
As bolsas brancas supoñen para o establecemento unha perda da publicidade gratuíta que os compradores lles proporcionan. Se as usan, debe de ser porque os seus clientes prefiren non ser identificados como persoas de alto poder adquisitivo.
No fondo hai un feito indubidable: as máis prexudicadas pola crise económica son as clases sociais máis baixas. A renuncia á ostentación da riqueza na rúa pode deberse a algo que se insinúa en moitos foros, sen declararse claramente: o temor ás revoltas sociais. É probable que as bolsas brancas sexan un indicio do temor dos ricos, non a perder o seu poder adquisitivo senón a ser agredidos por ostentalo.
Categorías: Galego
Etiquetado: crise
Aínda que hai males incompatibles con calquera ben, ás veces é certo o refrán «Non hai mal que por ben non veña», e a crise actual non é unha excepción. Óense comentarios que van nese sentido. Algúns refírense ao conxunto da situación como o dun amigo que di: «Esta crise está poñéndonos onde nos corresponde. A ver se nos decatamos: non somos un país rico».
Outras puntualizan feitos concretos. Un dos meus fillos díxome: «En Madrid estase volvendo a comer bastante ben e barato». Os pequenos restaurantes onde daban unha comida caseira a bo prezo, o que se chamaba «comida de culler», que eran típicos desta cidade, case desapareceran, subíranse á parra, segundo a súa expresión, ou cambiaran os menús. E agora volveron os antigos, para consolo de economías en crise. Unha amiga, moi compradora ela, díxome que nas tendas de roupa despediron dependentes e que os que quedan son dunha amabilidade como só se vían noutros tempos en El Corte Inglés, onde o cliente tiña sempre a razón. Agora, tanto nas grandes superficies como nos pequenos comercios, a amabilidade é a norma.
Oíndo isto, recordei que na última das miñas viaxes deixeille ao taxista só vinte céntimos de propina, que eran os que faltaban para completar o importe xusto. Para a miña sorpresa deume as grazas cortesmente. Eu olleino con desconfianza por se estaba de leria, pero o tipo baixouse do coche para axudarme coa maleta. Tiven a impresión de ter volto de súpeto ao pasado cando cinco pesos eran unha propina agradecida.
¿Pasa o mesmo no resto do país? Oxalá. Son pequenas compensacións a grandes males.
Categorías: Galego
Etiquetado: crise
Din os analistas económicos que en toda crise hai un elemento psicolóxico que aumenta os problemas: o sentimento de inseguridade. A xente teme que se produza un corralito e saca os aforros do banco, provocando falta de liquidez da entidade, que repercute na limitación de créditos, que, á súa vez, repercute nas empresas, etcétera. A xente teme que a Bolsa siga baixando e vende as accións, co que se incrementa a derruba; restrinxe gastos superfluos por temor á crise (coche, roupa, viaxes, arranxos da casa) e esa restrición contribúe a agravala.
Tal como falan algúns do asunto diríase que o sentimento de inseguridade que agora padecemos é produto do medo e que, se en vez de aforrar, nos puxéramos a investir, as cousas irían mellor. Pero ese temor non é irracional senón consecuencia de feitos concretos. Póñome como exemplo. Eu pensaba que a nómina dos funcionarios era inamovible, algo que eu recibiría cada mes da miña vida ata que a morte liberase ao Estado desa obriga. Pois ben, dende o verán para aquí, tras moitas deliberacións entre a comunidade, a Universidade e Comisións Obreiras, eu recibo cada mes por e-mail unha notificación na que me aseguran que cobrarei o mes seguinte; en setembro dixéronme que cobraría outubro. E así foi. Nese mes dixeron que cobraría novembro e tamén recibín os cartos. Pero aínda ninguén me asegurou que cobrarei Nadal e a extraordinaria. Así que de momento prescindo de todo gasto que non sexa estritamente necesario. Se con isto contribúo a aumentar a crise, lamentareino moito, pero que invistan os que nos meteron nela.
Categorías: Galego
Etiquetado: crise, inseguridades
Os que non entendemos de economía, temos medo a quedar sen os aforros de toda a vida, eses cartos que un foi xuntando ao longo de moitos anos de traballo para dispoñer deles cando chegue a xubilación, dabondo exigua; ou o momento de ir para unha residencia e non ser un peso para a familia; ou , como di Rosa, a nai do drogadicto protagonista dunha das miñas novelas: «para pagarme un enterro decente»; ou tamén para poder deixarlles algo aos fillos, igual que os nosos pais nos deixaron a nós. En fin, xa me entenden, eses cartos, gañados con esforzo, que nos dan tranquilidade ante os imprevistos e as malas rachas.
Eu teño amigas que me din que polo seu gusto xa terían sacado eses aforros do banco para metelos debaixo do colchón. Non o fan porque teñen maridos e fillos que parece que si saben de economía e que din que iso é o que provoca o curraliño: non hai que deixar sen liquidez ás entidades bancarias sobre todo agora que o Goberno garante ata cen mil euros, en depósitos e contas correntes. ¿E que pasa cos fondos de pensións e cos de investimento, onde precisamente están os cartos da maioría dos pequenos aforradores? Eses non entran na garantía. Un pregúntase quen ten cen mil euros nunha conta corrente. Quizá os executivos que, mentres o seu banco é rescatado polo Goberno de quenda, gozan de suntuosas vacacións pagadas. Pasou en Estados Unidos e pasou en Francia, ¿por que non vai pasar aquí? Na crise de 1929 houbo homes de negocios que se suicidaron tirándose dende as fiestras dos rañaceos. Os desta crise bótanse ao mar Caribe, e non precisamente para afogarse.
Categorías: Galego
Etiquetado: aforros, crise
O Ministerio de Economía lanzou xusto agora, cando o persoal se pregunta que vai ser dos seus aforros, un anuncio moi atinado para que merquemos Letras do Tesouro. Nel lóubase ás mulleres que fan boas croquetas, alimento nutritivo e barato, que se fai con leite, fariña, un pouco de manteiga e un pouquiniño ben picado de calquera cousa. Hai que ter boa man, iso si, porque a graza da croqueta é que estea crocante por fora e branda por dentro. Se o consegues, non só alimentas ben a túa familia, senón que tes engaiolado ao teu home, como se ve no anuncio do ministerio.
Óese primeiro unha voz de muller dicindo: «Como psicóloga dígoche que deberías deixar ese traballo e esquecerte da túa muller».
Seguramente o colexio de psicólogos protestará dicindo que o anuncio atenta contra á súa profesionalidade, xa que eles non instan a ninguén a abandonar familia e traballo, senón que axudan a que o individuo recoñeza os seus problemas para intentar solucionalos. En fin, pequeneces; o importante é que o home replícalle como debe facer un marido ben mantido e agradecido: «¿Deixar á miña Puri? ¿Ti estás tola?». E refrégalle á estúpida psicóloga os méritos da súa muller: «¡A miña Puri é o mais grande! ¡Como se nota que non probaches as croquetas da miña Puri!».
Como ven, non ten desperdicio nin social nin culturalmente, pero as feministas puxéronse a protestar e o Ministerio de Igualdade, dando mostras dunha perfecta coordinación entre os distintos ministerios, suprimiuno. Mágoa grande porque era un bo exemplo de cómo anda o patio.
A crise económica pasará, din que é cuestión de dous ou tres anos, pero ao problema que está no fondo do asunto das croquetas eu non lle verei a solución. Oxalá que a xente nova chegue a vela.
Categorías: Galego
Etiquetado: crise, igualdade, publicidade