Leo en weblogs.madridmasd.org que unha bibliotecaria dun colexio de Brooklyn (Nova York) instou aos alumnos a realizar unha investigación na web sobre o descubrimento de América e a figura de Colón. Insistiu moito en que non copiasen a información; debían lela e avaliala. A noticia di que só unha nena de once anos se decatou da rareza de que Colón intercambiase cos nativos, en sinal de harmonía e concordia, o seu móbil e o seu ordenador. Os comentarios á noticia céntranse na falta de alfabetización dixital e na ausencia de competencia crítica nos lectores. Non queda claro se o móbil aparecía na información da web ou foi engadida por algún dos alumnos como aportación persoal á investigación. En calquera caso, coido que, á parte do analfabetismo dixital, a noticia dá fe da importancia crecente do móbil na vida da xente nova. Os profesores coñecen ben a dificultade de apartar aos alumnos dese aparatiño. Os rapaces non apagan os móbiles nas clases, póñenos en silencio e envían e responden ás mensaxes continuamente. Igual que as mulleres de antes facían calceta sen ollar para as agullas, os rapaces manexan o móbil ollando para o encerado. Se llelo requisan, sénteno como unha mutilación. Os adolescentes non conciben un mundo sen móbiles nin ordenadores, por iso tanto o que colgou a información sobre o móbil de Colón como os que a deron por certa son representativos desta nova situación. Substituíron os abelorios e axóuxeres que Colón intercambiaba por pezas de ouro polos dous obxectos que eles máis estiman: o ordenador e o móbil. Son ignorantes, pero boa xente.
Entradas etiquetadas como as ‘adolescente’
O móbil de Colón
Febrero 26, 2009 · Dejar un comentario
Categorías: Galego
Etiquetado: adolescente, alfabetización dixital, móbil
Mal de escola
Febrero 5, 2009 · 1 comentario
O libro de Daniel Pennac, traducido recentemente ao castelán como Mal de escuela , debería ser de lectura obrigatoria para profesores, estudantes que aspiren á docencia , familias con fillos en idade escolar, políticos preocupados pola mala situación da educación, psicólogos, adolescentes que se consideren nulidades, e, en xeral, para calquera persoa a quen lle interesen as posibilidades que ofrece o ensino para mellorar a vida dos individuos e, ao longo, a vida social. Ou sexa, practicamente debería lelo todo o mundo.
Deixo á parte o valor literario da obra e a consideración de se é ou non unha novela. Estou a falar do libro como dun documento de evidente valor sociolóxico.
Daniel Pennac foi un estudante moi malo, o que se chama un burricán, un rapaz que colectaba ceros mes tras mes, que inspiraba tal preocupación aos seus pais sobre as súas posibilidades que lles fixeron prometer aos irmáns que se ocuparían del cando eles faltasen; como se fose un eivado total. Finalmente, e grazas a catro profesores (só catro de todos os que tivo na súa longa vida de mal estudante), conseguiu rematar o bacharelato e despois a licenciatura. Fíxose profesor, e con sesenta anos cumpridos decidiu escribir a súa experiencia.
O libro conta o sufrimento dun «parvo», dun estudante que non comprende, pero ademais conta os esforzos dun bo profesor para facer da escola un mundo positivo. Está cheo de suxestións, de exemplos, ata de trucos para facer da clase un espazo atractivo e para ensanchar o horizonte dos estudantes. E ademais é divertido. Non se arrepentirán se o len.
Categorías: Galego
Etiquetado: adolescente, educación, escola, estudantes, Pennac
A beleza da delgadeza
Junio 10, 2008 · Dejar un comentario
Un informe sobre a poboación adolescente española descobre que case a metade das rapazas , un 46% , vense gordas e intentan por diversos medios perder peso. Eso será para moitas o comezo do camiño que leva a anorexia .
Hoxe sábese que a raíz desa doencia está na mente , na distorsión entre os datos da realidade e a visión de si mesma que ten unha persoa. É algo que debe ser tratado pola psiquiatría e que non se pode resolver só coa boa intención das víctimas e das familias.
Tamén sabemos que moitas mulleres famosas pola súa beleza ou elegancia eran anoréxicas , como a emperatriz Sisi ou a duquesa de Windsor , que dicía que nunca un é demasiado rico nin demasiado delgado.
Nesa distorsión mental xúntanse dous elementos que se potencian mutuamente . O primeiro é a incapacidade para acomodar a imaxe de sí mesmo ós datos da experiencia. A persoa anoréxica, cando se lle pide que escolla entre varios siluetas a que cree que se corresponde coa súa , escolle sempre a dun corpo groso : así é como se ven .
O outro elemento é súa concepción da beleza, que se identifica coa extrema delgadeza . Acabo de ler un testimuño arrepiante dunha rapaza de dezaseis anos que está en vías de curación . Sabe que é unha doenza , pero confesa que olla para as fotos da súa etapa anoréxica e di : ” A beleza dese corpo delgado conmóveme ; para mín eso era , i-é , beleza “.
Esa admiración esaxerada pola delgadeza existiu sempre , pero parece claro que nestes últimos tempos o número de persoas que a padecen incrementouse de xeito alarmante, como consecuencia dun cambio nos criterios estéticos .
Aínda que só algunha rapaza dese 46 % que se ven gordas caerá na enfermidade, o resto seguirá a sentirse mal a gusto na súa pel por culpa dun ideal estético que arruina a saúde e convirte ás mulleres en bonecas irreais.
Dado que se trata dunha doenza en gran parte social, deberían incrementarse as campañas publicitarias que contrarrestasen a nefasta influencia do modelo de beleza da talla trinta e seis.
Categorías: Galego
Etiquetado: adolescente, anoréxia, delgadeza
