Artículos de Marina Mayoral

As tarimas

Septiembre 22, 2009 · Dejar un comentario

De todas as medidas que se tomaron ao longo das últimas décadas para quitarlles autoridade aos docentes, ningunha tan estúpida como a supresión das tarimas. Calquera que teña que falar a un grupo de xente sabe que é imposible controlar a un auditorio que non se ve. Un profesor, máis aínda que un conferenciante, necesita ver a reacción que as súas palabras provocan nos que o escoitan para que a comunicación sexa exitosa.

O auditorio dun conferenciante é normalmente un público devoto, que está alí por gusto e propia vontade, desexoso de oír a alguén que estima. Neste caso a tarima é necesaria porque o público quere ver a quen lle está falando; de feito acude con tempo para ocupar as primeiras filas. Polo contrario, o profesor, sobre todo o español, afronta un auditorio indiferente e moitas veces hostil. A maioría do alumnado fuxe coma do lume da súa proximidade e corre a ocupar as filas do fondo da clase para esquivar o contacto visual co docente.

A supresión das tarimas o único que conseguiu foi obrigar aos bos profesores a dar as clases de pé para poder manter o control e impedir que ese grupiño do fondo incordie impunemente. Un esforzo que non tivo ningunha recompensa, nin económica nin moral. Aparte da súa función práctica, a tarima marca unha distancia que convén subliñar. O profesor non é un coleguiña, nin un amigo: é un mestre, e como tal debe ter unha autoridade e recibir un trato respectuoso por parte dos alumnos.

Agora inténtase devolver á docencia a autoridade que estupidamente lle arrebataron, e coa autoridade, a tarima. Sexan ambas benvidas.

Categorías: Galego
Etiquetado:

0 respuestas hasta el momento ↓

  • Todavía no hay comentarios... Empiece usted rellenando el siguiente formulario.

Dejar un comentario