Artículos de Marina Mayoral

A vacina da gripe

Agosto 31, 2009 · Dejar un comentario

Por se non abondaba coa preocupación que producen as noticias sobre as mortes pola nova gripe, agora comezan a aparecer en Internet informacións alarmantes sobre os efectos adversos da vacina. Un deles é a chamada síndrome de Guillain Barré, que se deu en 1976 na epidemia de gripe porcina daquel ano. Trátase dunha doenza neurolóxica na que o sistema inmunolóxico ataca ao sistema nervioso do propio individuo, que queda incapacitado para percibir sensacións e para transmitir aos músculos as ordes do encéfalo. Naquela ocasión esa síndrome vinculouse á vacina da gripe e aínda que a proporción das persoas que a sufriron foi moi baixa (unha ou dúas de cada 100.000), agora sae de novo a relucir.

Máis preocupante me parece a min o feito de que a campaña de vacinación vaise iniciar en novembro cando a pandemia estará xa moi estendida e unha parte da poboación estará xa infectada polo virus.

Eu vacínome en setembro todos os anos contra a gripe estacional porque son moi propensa a sufrila e de feito padézoa todos os anos, minorada pola vacina? excepto un ano en que aos tres días de recibila comecei a sufrir a peor gripe da miña vida. ¿Foi casualidade ou a vacina potenciou o virus que eu xa tiña no organismo? ¿Que consecuencias pode ter vacinar contra a gripe porcina a quen xa está contaxiado, aínda que non presente síntomas?

Esperemos que o Ministerio de Sanidade vaia aclarando dúbidas como esta e contrarrestando con información fidedigna as informacións alarmistas de Internet.

Categorías: Galego
Etiquetado:

0 respuestas hasta el momento ↓

  • Todavía no hay comentarios... Empiece usted rellenando el siguiente formulario.

Dejar un comentario