Artículos de Marina Mayoral

Mil trescentos millóns

Agosto 19, 2009 · Dejar un comentario

Acabo de regresar dunha viaxe de quince días por China, bastantes para admirar os grandes e famosos monumentos históricos e absolutamente insuficientes para intentar entender aquel mundo, tan lonxe da nosa mentalidade e da nosa sensibilidade. A gran muralla e os guerreiros de Xián emocionáronme; a Cidade Prohibida abraioume; a paisaxe de Guilin sorprendeume e encantoume. Pero por debaixo desas sensacións e sentimentos, o contacto coa xente nas rúas de Shanghai ou Pequín e as conversas privadas con algún profesor dos que pasaron polos campos de reeducación de Mao foi xerando un sentimento de inquietude.

No día a día era moi incómodo o costume dos chinos de non respectar as colas: xa sexa nos aeroportos, nos baños, nas tendas, no metro, un vese desbordado continuamente por xente que acaba de chegar e ponse diante de ti con toda naturalidade. As mulleres usan sombrillas para protexerse do sol e non se preocupan de a quen golpean con elas, nin se che quitan a vista. Pero isto non é grave: de feito agora, tras os Xogos, xa cospen menos na rúa que antes.

O inquedante é a mentalidade: van á súa, van lanzados cara adiante, xustifican a represión, admiran a Mao, consideran que a democracia e os dereitos humanos chegarán «máis adiante», que Tiananmen foi «un paso atrás» provocado por irresponsables; están orgullosos dos seus avances económicos e supeditan todo a ese fin, mesmo a democracia. Desprezan a Occidente e os seus valores. Non nos podemos entender. Eles son mil trescentos millóns. Demasiado chinos para o noso vello mundo.

Categorías: Galego
Etiquetado:

0 respuestas hasta el momento ↓

  • Todavía no hay comentarios... Empiece usted rellenando el siguiente formulario.

Dejar un comentario