Artículos de Marina Mayoral

A sombra da Inquisición

Junio 19, 2009 · Dejar un comentario

Quizá non se foi nunca e o único que cambiou foi o nome. Hoxe o antigo Tribunal do Santo Oficio chámase Comisión Episcopal para la Doutrina da Fe. Por fortuna carece xa da potestade de queimar a quen non pensa coma eles. Esta institución, segundo noticias de prensa, ía emitir un decreto condenatorio da obra do teólogo galego Andrés Torres Queiruga. Por fortuna, aínda queda algo de sentido na cúpula da Igrexa, e a condena xa non se vai emitir.

Torres Queiruga é un teólogo de recoñecido prestixio dentro e fóra de España. As súas obras, escritas en galego, están traducidas ao castelán, portugués, italiano e alemán. É profesor de Filosofía da Relixión na Universidade de Santiago, membro da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega. É director de Encrucillada , revista galega de pensamento cristián, e membro dos consellos de redacción das máis importantes revistas relixiosas: Iglesia Viva, Sal Terrae, Revista Portuguesa de Filosofía e Concilium . Foi premio da Crítica de Ensaio (1977 e 1985), de Investigación Losada Diéguez (1996) e Premio Trasalba (2003).

Pero por riba de todo eses méritos, Torres Queiruga e un sacerdote exemplar e un teólogo que coas súas obras animou a moita xente a comprender e vivir a fe cristiá.

Dende Chicago, onde asiste a un congreso da revista Concilium, Torres Queiruga manifesta que a xerarquía eclesiástica non falou con el. E declara que a súa única preocupación nisto é que non sufra a credibilidade da fe. Teño a impresión de que iso é o que menos lle preocupa ao moderno Tribunal do Santo Oficio.

Categorías: Galego

0 respuestas hasta el momento ↓

  • Todavía no hay comentarios... Empiece usted rellenando el siguiente formulario.

Dejar un comentario