O presidente da asociación americana Nasspe, que defende a separación de sexos no ensino, estivo estes días por España. Nas entrevistas que lle fixeron deu razóns sobre a conveniencia de tal educación: o distinto ritmo de maduración dos cerebros de nenos e nenas durante a nenez e adolescencia e o diferente desenvolvemento de habilidades: linguaxe nunhas e memoria espacial noutros. Tamén ofreceu exemplos de éxitos conseguidos.
Ao parecer, a separación favorece sobre todo ás nenas, o que coincide co que eu teño oído (e contado aquí) nas miñas estancias como profesora visitante nos Estados Unidos.
En España a separación tropeza cun prexuízo difícil de superar e que eu comparto: o temor a que se converta nun novo instrumento de represión sexual. O gato escaldado foxe da auga fría e nos temos aínda preto o recordo do pasado. No entanto, este temor non debería levarnos a pechar os ollos ante o que pode significar un avance nos métodos pedagóxicos.
Arne Duncan, secretario de Educación do Goberno de Obama, sociólogo e fillo de pais dedicados ao ensino, participou activamente nun programa deste tipo para nenos e rapaces afroamericanos de clase baixa con resultados espectaculares. O que todos aseguran é que a separación resulta inútil se non se conta con profesorado preparado para poñelo en práctica. Aquí non o temos nin parece que ninguén se preocupe de formalo. Na situación actual, separar nenos e nenas é empezar a casa polo tellado. Ou, se prefiren, antepoñer ideoloxías e intereses políticos e relixiosos ao interese pola pedagoxía. E así nos vai.

1 respuesta hasta el momento ↓
José Luis de Micheo // Junio 8, 2009 a 11:57 pm |
Estou de acordo. Posiblemente dende a outra banda da liña, mais estou de acordo. Penso que a educación escolar de nenos e nenas é boa pra todos. E, discúlpeme polo prexuízo, pero non imaxinara que pudérase defender a educación diferenciada a partires dunha ideoloxía feminista. Non porque non se poda, se non porque, as veces, a ideoloxía mesma turra á razón dos pes. Non estamos afeitos a que o senso común marcha por diante dos lábaros. Un saúdo e graciñas.