Din que o tempo esvae todo, pero non sempre é así. A satisfacción de ver agora recoñecidos os méritos daquel ser excepcional que foi don Ramón Piñeiro trae á miña memoria lembranzas doces que quero compartir. Eu faláballe nunha carta das nereidas e el respondeume con esta páxina, exemplo da súa magnífica prosa e do seu espírito poético: «Eu sonche de terra adentro. O meu medio acuático é o río, non o mar. A miña comunicación coa natureza faise a través de outros elementos: as fragas, os prados, os agros, as serras. Cada souto, cada carballeira, cada lameiro, cada seara, cada outeiro, cada serra teñen o seu segredo. E tamén o comunican a quen o sabe escoitar. O mesmiño que ocorre no mar, tamén no cosmos terrestre hai seres marabillosos. Hai moitos, pro eu coido que os que corresponde ás nereidas mariñas son as fadas. Diría que as nereidas son as fadas do mar, ou, xa que ti es da banda mariña -ti mesma es Mariña- direi que as fadas son as nereidas da terra. Cando queren, elas tamén se lle aparecen á xente de corazón puro e fe ardente. Gostan do misterios dos bosques e da néboa, da soedade das serras, do frescor das fontes». Este relato, no que destaca a riqueza do vocabulario que nomea os diferentes espazos da natureza, remata, como era habitual en don Ramón, cunha consideración de orde moral: «Xa ves como, tanto no mar como na terra, o mundo está cheo de segredos. O que ocorre é que hai xente que os escoita e xente que non os escoita». O tempo non esvae a súa figura senón que a vai colocando no posto que lle corresponde na historia de Galicia.
As fadas de Ramón Piñeiro
Abril 27, 2009 · Dejar un comentario
Categorías: Galego
Etiquetado: Ramón Piñeiro

0 respuestas hasta el momento ↓
Todavía no hay comentarios... Empiece usted rellenando el siguiente formulario.