Nunha reportaxe de televisión afirmábase que as visitas de mozos aos prostíbulos aumentou tanto nos últimos anos que xa se consideran «o ocio do século XXI». A entrevistadora preguntáballes a dous mozos de 22 e 25 anos ás portas dun macroprostíbulo, disimulado baixo a forma dun bar de copas, porque non ían a un bar «normal». A resposta foi clara: alí había «chicas guapas», nun bar tiñan que buscar, invitar toda a noite, resultaba máis caro e non había a seguridade de «pillar». Á pregunta de se pensaban na situación daquelas mulleres, un respondeu: «Eu non penso niso». O outro deu esta misteriosa resposta: «O que eu non quero é que cos meus cartos se faga proselitismo». A saber que quixo dicir e que entende por proselitismo o bo do mozo.
As prostitutas mostraron a outra cara deste fenómeno. Unha manifestou ás claras o seu descontento cun ton irritado: «Pensan que porque pagan son súa e que poden facer o que lles dá a gana». Noutra ocasión eu oínlle dicir a unha prostituta que de todos os clientes, os vellos son os mellores, porque son os máis amables e «considerados». Os novos representan pois o outro extremo desta explotación: os que lle queren sacar co menor esforzo o máximo rendemento aos seus cartos. Así as cousas, convén estender a loita contra esta escravitude da nosa época ata a escola. Quizá se de nenos alguén lles explicase a estes mozos o que significa a prostitución (e de paso o proselitismo), o que hai nela de explotación e de inxustiza, hoxe non estarían ás portas dun prostíbulo dispostos a mercar sexo fácil e barato.

0 respuestas hasta el momento ↓
Todavía no hay comentarios... Empiece usted rellenando el siguiente formulario.