Artículos de Marina Mayoral

Vellos na gran cidade

Marzo 16, 2009 · 1 comentario

As grandes cidades son mal lugar para a vellez. Cando meu pai comezou a se perder calquera persoa de Mondoñedo o encamiñaba para a casa. Nunha gran cidade só te coñece a xente da túa finca, e non todos. Dous portais mais aló, só os porteiros saben onde vives.

Morto meu pai, este pensamento tíñao agochado nos recunchos do cerebro, sen plena conciencia del. Ata o outro día. Ía eu a uns recados, correndo coma sempre, e paroume unha señora para que lle indicase unha rúa. Non sabía o nome, a única referencia era «unha tenda grande». Expresábase ben, ía ben vestida e peiteada. Dixo que estaba preto de alí, pero que se despistara e non a atopaba. Eu suxerín un nome, a ela soáballe e dinlle as instrucións para chegar. Ao despedirse engadiu, como desculpándose: «É que teño 84 anos». Aparentaba dez menos e díxenllo, ela sorriu satisfeita e cada unha seguimos o noso camiño. E de súpeto, coma un lóstrego, feriume a certeza de que acababa de facer unha gran estupidez: aquela muller non era unha señora despistada, era unha vella perdida na gran cidade.

Volvín a todo correr para emendar o erro, pero xa non fun quen de atopala por máis voltas que din. Dende entón estou a cismar no tema. Hai un teléfono para avisar que recollan a un paxaro ferido. Seguramente tamén o hai para axudar a estas persoas. Recoñezo a miña torpeza e ignorancia, pero debería haber campañas para sensibilizar á poboación fronte a este problema, e informar de cómo recoñecer e do que hai que facer ao atoparse cun vello perdido. O vello que nós podemos ser mañá.

Categorías: Galego
Etiquetado: ,

1 respuesta hasta el momento ↓

  • Carlos G. Q. // Marzo 17, 2009 a 1:04 am | Responder

    As campañas coma directrices políticas non exemplifican senon a dependenza das oligarquías por parte duns cidadáns adormecidos nos coxines da sociedade de consumo. Se unha civilización marxina ós vellos, que dende o principio dos temos, dada-la súa experiencia, foron pilar básico da tribu, entón, esa civilización, está podre. A sociedade de consumo, o árbol podre da posmodernidade, fai que xerminen frutos malolentes coma o esprito da utilitaridade a ultranza: así, pois, aquel que non produce para ó Gran Irmá, déixase a un lado. Non domino o galego, pero o que está ben claro é que as iniciativas políticas non van defende-la dignidade humana, senón manifestar o fracaso dunha cultura erixida sobre os pilares da máis insana competenza e a deshumanización progresiva da tribu, arroxada de testa á cadea productiva, aínda que leda, parece ser, mentras lame as gotiñas de mel dos bens materiais, pendendo sobre o abismo do vacío moral, cultural, existencial. Salude e acracia.

Dejar un comentario